A Asociación Hostalaría Compostela lamenta que a Xunta de Galicia decidira o pasado luns manter o peche do sector. A entidade denuncia que o Goberno galego segue a culpabilizar á hostalaría do incremento de casos na pandemia, cando non está xustificado que a súa actividade estea maiormente ligada aos contaxios que outros sectores.

Por iso decidiu continuar coas súas mobilizacións para exixir que o Goberno galego lidere, xunto co sector, ante as administracións competentes as medidas do Plan de rescate proposto en novembro. Un plan que debe ser real e completo, que sirva para sacar da ruína a miles de negocios e aos seus traballadores e traballadoras. A seguinte cita será esta tarde ás 19:00 horas diante da residencia oficial do presidente da Xunta, en Monte Pío.

Hostalaría Compostela reclama ademais que o Goberno galego poña en marcha o plan de desescalada que xa presentou en novembro e que incluía, entre outras medidas, un rexistro de reservas nos restaurantes, co obxecto de acceder facilmente aos contactos en caso de producirse a presenza dalgún contaxio; sempre co compromiso por parte da Administración dun reforzo do equipo de rastrexadores.

No que se refire ás axudas aprobadas pola Xunta, Hostalaría Compostela celebra que fora recollida a súa proposta de poder acceder a elas aínda que se teñan débedas coa Administración, pero insiste en que a contía total é insuficiente e en que ter que xustificar unha caída na facturación superior ao 45% respecto ao ano 2019 supón deixar fóra a moitas empresas.

Atraso nas axudas do Concello

Por outra banda, a Asociación compostelá quere amosar o seu malestar pola tardanza no cobro das axudas aprobadas polo Concello de Santiago para o sector, que meses despois de ser presentadas seguen sen ser recibidas por aqueles negocios aos que lles foron concedidas.

Hostalaría Compostela espera que este atraso poida resolverse o antes posible porque, se ben non solucionan a gravidade da situación, si que poden supoñer un alivio de liquidez para moitos negocios da cidade.

Ademais, a Asociación sinala que, ante a gravidade da situación, estas axudas terían que prolongarse máis aló deste ano. O Concello debería manter este compromiso financieiro co sector nun plan plurianual 2021-2024.