Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Consellería de Sanidade, Santiago ten unha incidencia de 122 casos de Covid-19 por cada 100.000 habitantes -situándose por debaixo da media galega-, o que apenas supón o 13% do total de casos da súa Área Sanitaria. Ver cadro: Datos_santiago_IA_(15 decembro) 

A Asociación Hostalaría Compostela anima a cada un dos seus locais asociados a seguir velando polo cumprimento escrupuloso dos protocolos de hixiene e seguridade impostos, como vén sendo habitual.

Así mesmo, fai un chamamento á responsabilidade individual e tamén á colectiva por parte do Goberno galego, ao que lle pide reforzar os rastrexos en lugares altamente afectados como o Barbanza e a súa área de influencia.

Axudas insuficientes

Hostalaría Compostela recorda que despois de dez meses consecutivos de pandemia o sector está ao límite da súa capacidade de aguante e as axudas continúan sendo insuficientes.

Tal e como temía a entidade, a letra pequena para poder acceder ás axudas aprobadas pola Xunta de Galicia deixou a moitos negocios de hostalaría fóra. Por outra banda, a día de hoxe non se ingresaron o 80% delas, despois dun mes de estar aprobadas.

Hostalaría Compostela manifesta unha vez máis a súa vontade de seguir dialogando co conxunto do sector, e non coa parte máis afín ao Goberno galego, e buscar unha formula acordada que permita poder desenvolver a súa actividade e que trace a medio prazo unha estabilidade no conxunto do sector.

FOTO: Cabeceira da manifestación da hostalaría galega celebrada en Santiago en novembro