Este ano Santiago(é)tapas celebra a súa novena edición, na que participarán 68 locais da cidade, que ofertarán un total de 104 tapas, que como se ven facendo dende hai anos pasaron un proceso de preseleción previo para garantir que todas as tapas cumpren cos niveis de calidade esixidos polo concurso.

Nas oito edicións celebradas, Santiago(é)tapas superou xa as 245.000 tapas vendidas; e rematou a octava con máis de 31.000 tapas consumidas nos 69 locais participantes nesa edición. Estas cifras ratifican ao evento non só como promotor da gastronomía local como atractivo turístico, senón tamén como dinamizador do consumo e incentivo de calidade para a hostalería.

captura-de-pantalla-2016-11-05-a-las-12-49-00A nova edición de Santiago(é)tapas continúa cos elementos distintivos do concurso. O obxectivo fundamental da organización é consolidar o evento en novembro, en paralelo a Cineuropa, como reclamo turístico que combina cine e gastronomía nun mes no que descende a afluencia de xente a Santiago. Trátase así dunha medida encamiñada a reducir a estacionalidade da demanda turística da cidade.

A cidade divídese en cinco rutas ou (é)tapas que, a modo de etapas do Camiño de Santiago, teñen que ir percorréndose para poder conseguir diferentes premios. O Tapasporte, libriño onde os locais irán poñendo o seu selo cando se consuma a súa tapa, poderá recollerse dende o xoves na oficina de Turismo de Santiago e nos propios locais participantes.

A votación popular será a responsable de decidir tres premios: o primeiro Premio Tapa do Público 2016, dotado con mil euros, o segundo premio, dotado con 500 en produtos Estrella Galicia, e o Premio (É)xcelente 2016, para o local con mellor servizo integral. O gañador do primeiro premio, ademais, será o representante de Santiago no evento “De Tapas por Galicia” ou calquera outro evento similar. O xurado especializado tamén visitará de incógnito os establecementos e escollerá a proposta gañadora do Premio do Xurado á Mellor Tapa 2016.

Por segunda edición, Santiago(é)Tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Conta ademais co patrocinio de Cash Récord, Coca Cola e Mil Ríos, a colaboración especial de Estrella Galicia – Cabreiroá.