O Concello de Santiago rememora por segundo ano consecutivo o histórico Banquete de Conxo onde se reuniron obreiros, artesáns, intelectuais e estudantes nun acto de confraternización reivindicando a igualdade das persoas independentemente do estado social ao que pertencían. O evento conta cun amplo programa de actividades que se desenvolverán os días 2, 3, 4 e 5 de maio.

A Asociación Hostalaría Compostela colabora nesta celebración coa organización dun xantar popular o domingo 5 de maio na Carballeira de Conxo, onde tivera lugar o Banquete aquel 2 de marzo de 1856.

As previsións de asistencia están nunhas 600 persoas onde se repartirán degustacións de diferentes elaboracións de cabra como produto tradicional e diferenciado non só de Conxo senón de diferentes barrios de Santiago. Ao mesmo tempo faise un chamamento á restauración a que participe deste evento ao longo da semana ofrecendo nas súas cartas cabra, nas preparacións que se estimen oportunas, ben asada na súa forma tradicional ou ben innovando algunha outra preparación. O formato pode ser prato ou tapa. O Concello e a nosa Asociación dará a publicidade oportuna dos establecementos que se adhiran ao evento aparecendo como colaboradores, nos diferentes formatos que se teñen previstos, carteis, presenza nos medios de comunicación, redes sociais…

Os interesados deberán enviar os seus datos (nome do local, persoa de contacto, teléfono) ao correo electrónico asociacionempresarios@santiagohosteleria.org ou ben chamar ao teléfono 981592700.

Data límite de inscricións: 16 de abril de 2019