Trala petición realizada pola Asociación Hostalaría Compostela para o ámbito do Plan especial de protección da cidade histórica (PE-1), a comisión Asesora do Patrimonio Histórico do Concello de Santiago aprobou a utilización dun novo modelo de cadeira para as terrazas.

O modelo está realizado en polipropileno reforzado con fibra de vidro, e acabado en cor moka e antracita.

Non obstante, advírtese que a substitución do mobiliario das terrazas da cidade histórica deberá realizarse axustándose a unha serie de condicións:

– Xunto co novo modelo de cadeiras, deberanse substituír igualmente as mesas das terrazas, para evitar o contraste entre os diferentes modelos ou materiais.

– O novo modelo de cadeiras non será utilizado nas terrazas da Rúa da Raíña; atendendo ás especiais características das terrazas de hostalaría nesa rúa, xa que a imaxe actual, con mobiliario de madeira na totalidade da rúa resulta totalmente axeitado á imaxe da cidade histórica.

– Considérase que a solicitude de autorización deste novo modelo de cadeiras deberá ser aproveitado para conseguir unha maior unificación e harmonía no mobiliario da terrazas nas distintas prazas ou rúas da cidade histórica, de xeito que todas as terrazas que estean situadas nun mesmo espazo público, utilicen un único tipo de mobiliario que poida diferenciarse segundo os establecementos mediante variacións da cor.

Leave a Reply

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.