Onte celebrouse unha Asamblea Xeral Extraordinaria da Asociación Hostalaría Compostela na que se decidiu, por unanimidade, e como solución aos problemas xurdidos, o cese de todos os membros da Xunta Directiva e delegar provisionalmente as funcións fixadas nos Estatutos da entidade para este órgano ao seu xerente, Ramón García Seara.

No pasado mes de marzo a Xunta Directiva convocou unhas eleccións que non se chegaron a celebrar por ausencia de candidaturas. Este feito, unido á difícil situación que atravesa o sector por mor da pandemia da Covid-19, fixo que a Asamblea considerase a delegación das funcións da directiva ao xerente a mellor solución para salvagardar o futuro da Asociación, buscando a posibilidade de convocar novos comicios proximamente.

Ramón García Seara, natural de Santiago de Compostela, é avogado de profesión. Comezou a traballar coa Asociación Hostalaría Compostela primeiro como avogado en xuño de 2015 e, desde mediados do 2016, exerce o cargo de xerente.