Reproducimos a continuación unha nota informativa da Dirección Xeral de Saúde Pública de interese para o sector:

A Dirección Xeral de Saúde Pública alerta sobre a aparición de diferentes sistemas e sustancias biocidas que non están aínda avaliados pola Axencia Europea de Produtos Químicos (ECHA).

Hai que lembrar que para ser autorizada unha sustancia activa biocida para un determinado tipo de produto biocida, precísanse avaliacións de carácter toxicolóxico, eco-toxicolóxico e físico-químico, ademais da toda a información relativa aos seus usos, concentracións e datos de exposición.

A derradeira listaxe de biocidas con actividade virucida publicada polo Ministerio de Sanidade foi actualizada o pasado día 20 de abril e, nesta, non figuran nin o Dióxido de Cloro nin o Ozono, malia que as súas capacidades virucidas estean a ser avaliadas na actualidade pola Unión Europea.

Actualmente, non existe ningún produto virucida que estea autorizado para o seu uso por nebulización sobre as persoas. Por tanto, esta técnica de aplicación que se anuncia nos denominados túneles desinfectantes de ningún modo pode ser utilizada sobre persoas. Un uso inadecuado de biocidas introduce un dobre risco, posibles danos para a saúde humana e dar unha falsa sensación de seguridade.

Pode atopar mais información sobre estas técnicas e sobre os biocidas autorizados ou notificados ao Ministerio de Sanidade na Nota informativa sobre o uso de produtos biocidas para a desinfección do COVID-19. 

Así mesmo, ante a detección dun incremento de empresas doutros sectores, como poden ser os de limpeza ou de mantemento, que están a ofertar servizos de desinfección en espazos públicos e privados con motivo do COVID-19, lémbrase que tódalas empresas que presten servizos de desinfección a terceiros mediante o uso de biocidas, deben estar inscritas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia (ROESB Galicia), consultar aquí o que vai a asegurar que estas empresas estean suxeitas a constantes inspeccións por parte das autoridades sanitarias e ademais conten con persoal técnico cualificado para desempeñar as tarefas de desinfección.

Recomendacións

Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade reiteramos as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, lembrando que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano (preferentemente desbotable) ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara internado cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.