O sábado 13 de xuño publicouse no DOGA a Resolución pola que se dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III.

Estas medidas entran en vigor A PARTIR DO LUNS 15 DE XUÑO: 

Medidas de hixiene e prevención na prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración

a) Limpeza e desinfección do equipamento, en particular mesas, cadeiras, barra, así como calquera outra superficie de contacto, de forma frecuente. Así mesmo, deberase proceder á limpeza e desinfección do local polo menos unha vez ao día. Nas tarefas de limpeza prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes.

b) Priorizarase a utilización de mantelarías dun só uso. No caso de que isto non fose posible, deberá evitarse o uso da mesma mantelaría ou gardamanteis con distintos clientes, optando por materiais e solucións que faciliten o seu cambio entre servizos e o seu lavado mecánico en ciclos de lavado entre 60 e 90 graos centígrados.

c) Procurarase evitar o emprego de cartas de uso común, promovendo o uso de dispositivos electrónicos propios, encerados, carteis ou outros medios similares.

d) Os elementos auxiliares do servizo, como a vaixela, cristalaría, xogos de cubertos ou mantelaría, entre outros, almacenaranse en recintos pechados e, se isto non fose posible, lonxe de zonas de paso de clientes e traballadores.

e) Priorizarase o uso de produtos monodose desbotables, ou o seu servizo noutros formatos baixo petición do cliente, para dispensación de panos de mesa, escarvadentes, vinagreiras, aceiteiras e outros utensilios similares.

f) Nos establecementos que conten con zonas de autoservizo, deberá evitarse a manipulación directa dos produtos por parte dos clientes, polo que deberá prestar o servizo un traballador do establecemento, salvo no caso de que se trate de produtos envasados previamente.

g) Se o uso dos aseos ou similares está permitido por clientes, visitantes ou usuarios, a súa ocupación máxima será dunha persoa para espazos de ata catro metros cadrados, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia; nese caso tamén se permitirá a utilización por parte do seu acompañante. Para aseos de máis de catro metros cadrados que conten con máis dunha cabina ou urinario, a ocupación máxima será do cincuenta por cento do número de cabinas e urinarios que teña a estancia, e deberá manterse durante o seu uso a distancia de seguridade. Deberá reforzarse a limpeza e desinfección dos referidos aseos garantindo sempre o seu estado de salubridade e hixiene.

h) O persoal traballador que realice o servizo en mesa e en barra deberá procurar a distancia de seguridade co cliente e aplicar os procedementos de hixiene e prevención necesarios para evitar o risco de contaxio. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para o persoal destes establecementos na súa atención ao público.

Limitación de aforo e medidas de prevención nos establecementos de hostalaría e restauración

1. Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o setenta e cinco por cento da súa capacidade para consumo no interior do local.

2. O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes ou, de ser o caso, grupos de clientes situados na barra ou entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas.

3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao oitenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada á terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do oitenta por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pú- blica en que se sitúe a terraza.

4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de vinte e cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos

1. A ocupación das zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos non poderá superar o setenta e cinco por cento da súa capacidade.

Para iso cada establecemento deberá determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles lugares en que se poderán realizar eventos e as condicións máis seguras para a súa realización conforme a capacidade máxima previsto e de acordo coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.

2. As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de vinte e cinco persoas. Deberase respectar a distancia de seguridade interpersoal entre as persoas que asistan á actividade e entre estes e o animador ou adestrador, ou utilizar máscaras na súa falta. As actividades de animación ou clases grupais realizaranse preferentemente ao aire libre e procurarase evitar o intercambio de material.

3. Realizarase a correspondente desinfección de obxectos e material utilizado nas actividades de animación logo de cada uso e disporase de xel hidroalcohólico ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados.

4. No caso de instalacións deportivas de hoteis e aloxamentos turísticos, tales como piscinas ou ximnasios, aplicaranse as medidas establecidas especificamente para estas. Determinaranse por cada establecemento as directrices e recomendacións para o seu uso, de acordo coas normas de prevención e hixiene previstas neste acordo, e garantirase o seu coñecemento por parte dos usuarios.

Albergues turísticos

1. Na modalidade de aloxamento turístico de albergue, polas súas especiais características, permitirase unha capacidade máxima do cincuenta por cento da súa capacidade total.

2. As persoas titulares do establecemento adoptarán as medidas organizativas oportunas para evitar aglomeracións e para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal no interior dos establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física dos clientes entre si mesmos e destes con respecto dos traballadores con uso de máscara.

3. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que no establecemento se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación deste axustaranse ao previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.

Hostalaría nocturna

Sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle, a Administración autonómica poderá permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo, nas condicións que previamente ela estableza, dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, sen prexuízo da apertura das terrazas ao aire libre.