Que espazo ocupará a hostalaría e o turismo no seu programa? 

O turismo é parte esencial do músculo económico da nosa cidade, non solo polo tecido empresarial e a capacidade de xeración de emprego que ten a nosa hostalaría, senón tamén polo dinamismo que lle dan a esta cidade. Historicamente esta sempre foi unha cidade activa, dinámica e aberta ao mundo, e compre non perder esa esencia. Debemos adaptarnos ás novas demandas e dinámicas do turismo do s. XXI, ás novas formas de viaxar, de ocio e de lecer por parte dos que nos visitan e tamén dos que vivimos en Santiago, coñecer ben as súas experiencias veñan de moi preto ou de moi lonxe.

Por iso para Cidadáns, tanto a hostalaría como o turismo son de vital importancia no desenvolvemento da nosa cidade, non só como cidade, senón como capital de Galicia. Levamos xa varias lexislaturas perdidas para lograr evolucionar e desenvolver a cidade, tal e como se merece, porque os políticos de sempre déronlle as costas á cidade debido aos seus problemas de corrupción ou polas súas disputas internas constantes. Levamos moitos anos sen un proxecto de cidade claro e ambicioso. Todo son liortas e falta unha voz que leve a voz dos cidadáns de Santiago a Raxoi, que leve a voz deses cidadáns que son profesionais no seu traballo, a voz dos autónomos e comerciantes, dos traballadores e dos empresarios que fan cidade cada día, a voz das amas de casa, e a voz dos parados. Compre a voz dos cidadáns de a pé entre tanto barullo nos plenos municipais dos políticos profesionais de sempre.

Nese proxecto de cidade, de capital, que nos merecemos en Santiago de Compostela, Cidadáns leva no programa o “Plan TurismoSOS”, que fomentará un turismo sostible baseado na riqueza patrimonial da cidade, na importancia de Santiago como meta e fin do Camiño,e na promoción da nosa cultura e da gastronomía. Pero para que esta non sexa a típica descrición que se fai deste sector, e que se desvanece tras as eleccións, nós comprometémonos a contar co apoio e asesoramento das principais asociacións e operadores turísticos da cidade, buscando consensuar tanto os obxectivos como tódalas accións a realizar, convocando de modo periódico unha mesa de traballo conxunta entre a administración e os diferentes actores do sector turístico e hostaleiro da cidade.

Que medidas tomarían para desestacionalizar e aumentar a estancia media? 

Cremos que para conseguir este obxectivo é fundamental situar a Santiago de Compostela como destino cultural por medio da innovación, da promoción do turismo de interior, a posta en valor da nosa gastronomía e volver a recuperar o protagonismo que Santiago merece no sector do turismo de congresos. Considerando estes elementos, non como simples reclamos turísticos puntuais para conseguir visitantes, senón tamén como experiencias que deben provocar un aumento das estancias e dos cartos que os turistas deixan na nosa cidade.

Para iso debemos promover unha actividade diversificada e atractiva incluíndo eventos cíclicos fora dos meses de maior ocupación. Debemos establecer unha ruta de dinamización cultural tal e como fan outras cidades e capitais. Organizada cos principais organismos e institucións do turismo e da cultura da cidade, tería unha programación anual para evitar a concentración excesiva de eventos en certas épocas en detrimento doutras menos activas. Pódese acadar se aproveitamos mellor os espazos culturais da cidade que actualmente están infrautilizados e minusvalorados, apoiando as iniciativas culturais público – privadas ca programación estable de música en directo e promovendo por exemplo, ciclos culturais en locais de ocio nocturno e rutas de noite polos principais monumentos e lugares emblemáticos da cidade.

Propoñemos fomentar o turismo de interior e de proximidade como fonte importante de ingresos, especialmente nas épocas de menor actividade con campañas dirixidas tanto a Galicia como as comunidades limítrofes (Asturias, Castela – León e Norte de Portugal). Facer de Santiago de Compostela o centro do turismo gastronómico da nosa comunidade, celebrando eventos que promocionen a nosa cultura e riqueza gastronómica. E finalmente, co fin de atraer un turismo de calidade e para favorecer a desestacionalización, a revitalización do turismo de congresos.

Ademais consideramos necesario incrementar as conexións aéreas tanto nacionais como internacionais. A pesar de que se fala de que ca chegada do AVE perderán atractivo as conexións nacionais, parécenos realmente relevante a potenciación de rutas directas así como as conexións cos Aeroportos de Madrid e Barcelona pola súa importancia como xeradores de enlaces internacionais con destinos cos que dificilmente se poderá ter acceso mediante conexións directas.

Cidadáns aposta así por posicionar a Santiago de Compostela como destino cultural, o turismo de proximidade, o turismo gastronómico e de congresos e aumentar a estancia media dos nosos visitantes.

Que posición teñen con respecto ao Plan Especial da Zona Vella? 

Defendemos que se realice unha efectiva revisión do Plan Especial, que respectando o valor patrimonial e monumental da nosa Cidade Vella atenda aos cambios que sufriu a sociedade no últimos vinte anos e que dea solución aos problemas de servizos, mobilidade, rehabilitación e sobreutilización dos espazos públicos que fan incómoda a vida aos veciños da parte histórica de Compostela e que están a provocar un despoboamento da Améndoa.

Os veciños e comerciantes do Centro histórico trasladáronnos a súa preocupación polo desenvolvemento que está a seguir a revisión do Plan Especial e o seu temor de que todo quede nunha simple elaboración dun Plan de Xestión que parece máis un plan estratéxico. Nós valoramos moi positivamente o que supuxo para a cidade o Plan do 97, pero defendemos que despois de vinte anos merece unha revisión para dar solución ás novas necesidades que xurdiron e aos problemas non resoltos polo vixente, que están a provocar que os veciños abandonen o corazón da nosa cidade. E unha cidade sen corazón non late, debemos recuperar o pulso da nosa cidade revitalizando o seu corazón. Este será un obxectivo prioritario e urxente no noso proxecto de cidade e por iso adaptaremos a normativa para favorecer a accesibilidade no centro histórico e mellorar servizos básicos como a iluminación, a instalación de fibra óptica ou wifi urbano gratuíto, para que os consumidores atopen na zona monumental un lugar cómodo e atractivo para realizar as súas compras.

Debería instaurarse en Santiago unha taxa turística? 

Ao respecto, a nosa opinión é clara, consideramos que a proposta de implantar unha taxa turística en Santiago de Compostela está pouco madura e non é oportuna neste momento.

As medidas que se tomen deben ser rigorosas.Non se pode gobernar a base de “ideas para recadar”, a xestión municipal actual é improvisada, todos os veciños o ven cada día, e por iso esiximos seriedade e responsabilidade. Cremos que se debe realizar un estudo sobre o impacto que este imposto podería ter sobre un dos principais motores económicos e de emprego da cidade, así como dun plan de turismo no que se definan os obxectivos a conseguir, os recursos dispoñibles e o financiamento necesario. Unha vez definidos estes elementos e acordados co sector, poderíase determinar se a taxa turística é a mellor ferramenta para alcanzar eses obxectivos.

Dous dos problemas principais que afectan ao turismo de Santiago son a alta porcentaxe de visitantes que non pernoitan en Compostela e a baixa estancia media, polo que consideramos que cargar as pernoitas na nosa cidade cun novo imposto non contribuirá a mellorar ningún deses dous problemas, todo o contrario.

Esta nova taxa suporía unha carga administrativa adicional para moitos pequenos negocios, que son a maioría dos establecementos hostaleiros da nosa cidade. Pero hai ademais outros temas que deberían valorarse: a forma de aplicar a taxa a todas as persoas que visitan a cidade e non só as que dormen nela; como se vai a cobrar aos visitantes que se aloxan en vivendas de uso turístico; se se establecerá a mesma taxa na tempada alta que na probrísima tempada baixa; etc.

Cidadáns é remiso a incrementar a carga fiscal con novos impostos e taxas, e consideramos que antes diso hai moito que facer no ámbito da rebaixa e racionalización do gasto público. E insisto neste concepto do que falei ao inicio, e que no noso sector turístico é clave, primeiro debemos lograr mellorar a experiencia de visitar a nosa cidade, e logo pensar si compre aplicar esa taxa turística.

Contemplan accións que axuden a fomentar o consumo nos bares e restaurantes?

Como xa dixen, o noso obxectivo é converter a Santiago nun centro de referencia no turismo gastronómico, creando un proxecto innovador e atractivo. Para elo buscaremos o apoio dos principais axentes turísticos e gastronómicos da nosa comunidade mediante a colaboración público – privada que sexa un motor de atracción turística e converta a Santiago nun referente gastronómico tanto nacional como internacional, programando eventos, obradoiros e xornadas de divulgación da nosa gastronomía.

Santiago non solo pode ser un escenario marabilloso para dar a coñecer ao mundo enteiro a nosa riqueza gastronómica, senón que tamén pode ser un escenario global para albergar outras culturas, tendencias e os avances e vangardas que son constantes neste eido.

Cal é o Santiago que se imaxina dentro de catro anos? 

Imaxino un Santiago responsable, inclusivo e de oportunidades.

Unha cidade capital, sen complexos, onde o cidadán sexa o centro. Onde o desgoberno destas últimas lexislaturas sexa soamente un mal recordo. Aposto por un goberno local ambicioso, que queira traballar para os cidadáns con sacrificio e humildade, con profesionais que aporten á política e non con profesionais políticos ao servizo deles mesmos. En definitiva, imaxino un Santiago vivo, unha cidade onde vir e quedarse a vivir e traballar, dotada de servizos modernos e accesibles, que aposte pola conciliación e sexa amigable para todos.