A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, presentaron a lista de máis de 20 restaurantes que prepararán pratos especiais con cabra nesta fin de semana, na que se celebra o Banquete de Conxo cunha nova Festa. Entre estes restaurantes atópanse por todo Santiago.

Turismo de Santiago e a Asociación Compostela Hostelería nos últimos anos están traballando conxuntamente para consolidar o posicionamento de Santiago como destino gastronómico aproveitando os múltiples recursos da cidade. O exemplo máis importante desta colaboración é Santiago(é)Tapas, que ambas entidades organizan conxuntamente dende hai tres edicións.

Pero Turismo de Santiago e Asociación Hostelería Compostela tamén colaboran na promoción doutros eventos que serven para poñer en valor produtos tradicionais da cidade. Así, recentemente colaboraron na promoción da Festa Gastronómica das Uñas de San Lázaro, nunha acción na que tamén participaron restaurantes de toda a cidade.

Nesta ocasión, e con motivo da nova Festa do Banquete de Conxo, decidiuse levar a cabo unha acción para poñer en valor a cabra. Nesta primeira edición, os restaurantes que preparán pratos de cabra durante a a fin de semana do Banquete, xa sexa de asada ao modo tradicional ou coa receita que prefiran, son:

  • Casco Histórico: Los Caracoles, María CastañaSexto II, Pazo de Altamira e na Nave 5 da Praza de Abastos en concreto no Frebas,Amoado e na Ostrería
  • Castiñeiriño: Restaurante Paz Nogueira
  • Vidán: Restaurante A Nave de Vidán
  • Galeras: Restaurante Don Quijote
  • San Pedro: Pampín Bar
  • Conxo: Pulpería Fuentes e La Catalina
  • Zona Nova: Restaurante Caney
  • Vista Alegre- Romaño: Bar Antonio, Mesón Peón II e o Bo Xantar
  • San Lázaro- San Marcos: O MuiñeiroMesón de Lázaro, Gran Hotel Los Abetos e A Casa da Viña

Cada comensal será agasallado cun exemplar do libro ‘Balada ceibe no bosque de Conxo’, composto por un texto de Henrique Alvarellos.

Ademais a Asociación Hostelería Compostela organiza un xantar popular que comeza ás 14.30 o domingo 22 na Carballeira de Conxo, onde se celebrou o Banquete de Conxo o 2 de marzo de 1856. Neste xantar repartiranse degustacións de diferentes elaboracións de cabra como produto tradicional non só de Conxo senón tamén de diferentes barrios de Santiago. Os convites para esta degustación xa se poden retirar no Centro Sociocultural de Conxo e en diferentes establecementos do barrio. Ademais, tamén haberá un posto con polbo e bebidas.

A Asociación de Hostelería está ademais a impartir nas súas instalacións un curso de formación a parados arredor do produto gastronómico elexido, a cabra, prato de referencia en Santiago, en concreto nos seus barrios de Conxo, Sar, Pontepedriña, Castiñeiriño, Vidán, Vista Alegre… O curso, que remata este xoves, está sendo impartido polo profesor do escola de hostelería de Lamas de Abade, José Quintáns.