Medio cento de hostaleiros composteláns asistiron na tarde do luns á reunión convocada pola Asociación Hostelería Compostela para tratar as modificacións da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería que anunciou o Concello hai uns días.

Os hostaleiros amosaron a súa disconformidade por como tomou esta decisión o Goberno local, sen ter en conta a súa opinión e anunciándoa nun momento de temporada alta no que o sector está moi implicado no seu traballo. Lamentan que existindo unha Mesa de Diálogo para tratar este tipo de temas en profundidade, non foi convocada para este fin. Ademais das dúbidas que xenera, a redacción da normativa semella moito máis restrictiva que a vixente do ano 2012. Fundamentalmente no que ten que ver co espazo que ocupen estas instalacións no espazo público e que non deberán ir máis aló da fachada do local ao que pertencen. En principio, esta norma non afectaría ás licenzas xa concedidas e que pola propia Ordenanza teñen renovación automática. Se ben, o sector despois de catro modificacións nos últimos dez anos, desconfía da aplicación dun novo texto máis restrictivo. O que podería supor a eliminación de centos de prazas de terraza e, polo tanto, a perda de postos de traballo e riqueza da cidade.

O mesmo ocorre co prazo das autorizacións das terrazas con pechamentos estables, que pasa de 10 a 4 anos non prorrogables, atendendo á Lei de Patrimonio. O sector exixe que este criterio só se aplique nas zonas afectadas por dita Lei, algo que non está recollido na nova Ordenanza.

Como punto positivo, a nova Ordenanza si que recolle a petición feita por Hostelería Compostela de permitir que os hostaleiros conten con media hora para limpar e recoller as terrazas cando remata o seu horario de apertura.

A Xunta Directiva da Asociación tamén informou de que onte o Concello aprobou unha instrucción interpretativa na que resolve outra das demandas do sector: que as mesas das terrazas se poidan distribuír do xeito que se precise dentro do espazo concedido.

Abriuse despois un tempo de diálogo cos asistentes do que se aprobaron varias conclusións:

– Solicitar ao Concello a recuperación da Mesa de Diálogo coa Hostelería para tratar todos estes asuntos que afecten ao sector.
– Solicitar a flexibilización dos módulos que se outorgan nas licenzas das terrazas, de xeito que, respectando a estética que se estableza, se poidan elexir cuestións como o tamaño das mesas.
– Adaptar o horario e servizo de recollida do lixo nas zonas onde haxa terrazas.
– Manter o texto da Ordenanza aprobada no 2012 no Artigo 16 Punto 5 relativo ás modalidades de ocupación.
– Manifestar que as prazas de terraza supoñen unha demanda da propia cidadanía para o seu tempo de lecer e un atractivo turístico.