Mañá, venres 8 de maio, celebrarase a primeira das reunións telemáticas da comisión que a Asociación Hostalaría Compostela solicitou ao Goberno local para tratar diferentes medidas que axuden a paliar a grave crise económica que atravesa o sector a consecuencia da pandemia do Covid-19.

En concreto, a nosa entidade xa trasladou á concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, a necesidade de ampliar en toda a cidade a superficie útil das terrazas, que poderán abrir cun 50% da súa capacidade a partir deste luns, 11 de maio. Hostalaría Compostela subliña que son moitos os locais que, tendo que separar as mesas para manter as distancias de seguridade recomendadas, non poderían cubrir nin sequera esa metade de aforo permitido se non se amplía o seu espazo.

A nosa entidade considera que en moitas zonas da cidade pódese gañar espazo reducindo a presenza dos coches, limitando tan só o seu paso para o acceso ás vivendas e garaxes. Nese senso, solicita a peatonalización das seguintes rúas: Santiago de Chile, Fernando III O Santo, Rúa Nova de Abaixo e Santiago del Estero.  

Ademais, para aqueles locais que non teñen a posibilidade de ter terraza, demanda que se poidan establecer puntos de apoio das consumicións.  

Incluír ás PEMES

Por outra banda, Hostalaría Compostela tamén insiste na necesidade de incluír ás PEMES (empresas de entre 10 e 50 traballadores) nas liñas de axudas directas ao sector que se comprometeu a poñer en marcha o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, dando resposta a unha das demandas da nosa entidade. Ata o de agora as axudas presentadas polo Concello para o pago de xuros de préstamos e liquidacións de pólizas de crédito diríxense a micropemes, é dicir, aquelas empresas que ocupen a menos de dez persoas. De manterse así, moitos dos locais de hostalaría de Compostela non poderían acollerse a elas.