Unha representación da hostalaría galega, conformada por membros da Asociación de Hostelería de A Coruña e a Asociación Hostalaría Compostela, reuniuse onte co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para expoñerlle a situación límite que atravesa o sector e as medidas dos Plans de Rescate da Hostalaría Galega e Hostelería de España, que son coincidentes e complementarios un do outro. 

O delegado dixo ser consciente da situación e o que indirectamente implicaba na economía galega por depender moitos sectores desta actividade. Losada puxo en valor o esforzo que o Goberno central está a facer desde o principio da pandemia, moi concretamente neste sector, cun importante desembolso en prestacións de ERTE e de autónomos por cese de actividade. 

Así mesmo, recoñeceu que a nosa formulación acerca de revisar os acordos que se tomaron en setembro en referencia á ampliación dos ERTE ou os requisitos para acceder á prestación por cesamento de actividade no caso dos autónomos ten que ser REVISADA, ao ser tomada nunhas circunstancias de aparente normalidade que nada teñen que ver co actual panorama. 

Tamén indicou que o Goberno está en disposición de anunciar unha ampliación dos actuais ERTE ata maio de 2021, cuestión que solicitamos como urxente para poder afrontar esta crise cunha certa tranquilidade neste tema, dada a imposibilidade do sector de asumir agora a protección social necesaria das persoas que conforman os nosos equipos de traballo. 

Outra das cuestións que trasladamos foi a preocupación pola  axilidade dos ERTE. Losada respondeu que o Goberno ampliou o equipo humano do SEPE para que non se deran circunstancias como as de marzo, que achacou en moitos dos casos á transmisión de datos por parte das empresas, nomeadamente as máis grandes. 

Respecto á petición da ampliación de amortización e moratoria dos créditos ICO, afirmou que o Goberno inevitablemente ten esa cuestión como prioritaria.  

Tomou ademais nota doutras cuestións como a rebaixa do IVE, a lexislación dos alugueiros, taxas e impostos de abastecemento, baixas de potencia sen custe ou a eliminación do compromiso de mantemento do emprego durante seis meses ante a imposibilidade de que as empresas poidan asumir esa protección social que consideramos debe ser asumida polo Estado.

A respecto da situación en Galiza, fíxose eco da opinión do sector acerca da desproporción das medidas adoptadas, máximo tendo en conta os datos obxectivos. Sinalou que a Xunta de Galicia debía responsabilizarse da situación que provocaron as medidas que aplicou e que así llelo ía transmitir ao Presidente Feijóo. Indicou tamén a capacidade que agora ten a Xunta de dar axudas directas, debido á eliminación do teito de gasto que ata agora había e que tiña posibilidade para poñer máis diñeiro a disposición do sector. 

Ademais anunciou que o propio Goberno de España está traballando nun Plan de Choque para a hostalaría, ocio nocturno e cultura.