Esta mañá recibimos na sede da nosa Asociación aos concelleiros de Compostela Aberta, Marta Lois e Jorge Duarte, que se reuniron co noso directivo, Sergio Fernández; o xerente, Ramón García; e o secretario da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Martín Zarauza. O encontro forma parte da ronda de contactos con diferentes  grupos políticos, tanto municipais como autonómicos, que está a levar a cabo a nosa entidade para explicar a situación crítica que atravesa o sector e cales son as nosas reivindicacións.

Así, entre outras cuestións, desde Hostalaría Compostela solicitamos a supresión dalgunhas taxas municipais como a do lixo ata o verán de 2021 e que se facilite a actividade no exterior dos locais, poñendo en marcha sistemas como estufas de calefacción que permitan prolongar o uso das terrazas ata finais de ano.

En canto ao ocio nocturno, a nosa entidade valora a nova orde da Consellería de Sanidade que permite a estes locais abrir nos seus espazos exteriores pero considera que é insuficiente pois moitos deles carecen de terrazas e aqueles que as teñen, tampouco poderán facer uso delas coa chegada do mal tempo. A Asociación demanda a supresión, con carácter inmediato, da orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade que obriga a pechar os locais da noite e establece a 1 da madrugada como horario máximo de feche en todos os locais de hostalaría.

Hostalaría Compostela reclama un diálogo directo coa Xunta de Galicia e o establecemento dunha folla de ruta consensuada con todo o sector que garanta a volta ao traballo dunha forma paulatina, rápida e segura.

Outras cuestións que vén reclamando a Hostalaría Compostela son a prórroga permanente dos ERTE ata a plena recuperación do sector; axudas directas aos traballadores autónomos que non poden abrir os seus negocios, a exención nas cotas de seguridade social, así como a redución do IVE ata o 7%.

Leave a Reply

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.