A Asociación Hostalaría Compostela mostra a súa preocupación pola falta de concreción por parte do Concello de actividades que axuden a dinamizar a cidade ante a grave crise económica que atravesamos polos efectos do Covid-19.

Hai máis dun mes que a nosa entidade trasladou ao Goberno local un informe sobre o impacto da pandemia no sector que incluía varias propostas de dinamización. Entre elas, propoñíase o deseño dunha oferta cultural e de ocio de baixo impacto que sexa continuada ao longo de todo o segundo semestre, con actividades dirixidas a todos os públicos e tendo en conta especialmente o público infantil, coa idea de reforzar o turismo familiar. Sen embargo, o único que ten presentado ata agora o Concello é a festa de primavera, orientada ao comercio local.

Trala cancelación das Festas da Ascensión, que supoñían unha importante fonte de ingresos para a cidade, ao sector preocúpalle que vai pasar coas Festas do Apóstolo. Entre outras cousas, Hostalaría Compostela propuxo ao alcalde estender o espectáculo dos Fogos do Apóstolo por toda a cidade, trasladando a festa á hostalaría de todo Santiago, e respectando, coma sempre, as medidas de distanciamento social e hixiénico-sanitarias recomendadas.

Escaseza de axudas

A Xunta de Goberno Local aprobou un expediente de modificación de crédito, por un importe de 100.000 euros, que será destinado á hostalaría. A nosa entidade celebra que o Goberno local tomase en consideración a nosa solicitude de axudas directas para o sector, pero considéraas moi insuficientes. Lamenta, ademais, que non se nos informara con anterioridade para poder realizar as nosas aportacións.

Hostalaría Compostela recorda que o noso sector representa o 20% do PIB da cidade e que, tras unha paralización completa durante dous meses e medio, aínda son moitos os locais que continúan pechados, en ERTE ou traballando cun aforo limitado ao 40% no interior e 50% nas terrazas.

Foto: Turismo de Santiago