Unha delegación da Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela, encabezada pola súa presidenta, Sara Santos, visitou esta mañá Fernando III O Santo, unha das rúas do Ensanche que son peatonais esta fin de semana trala proposta da nosa entidade.

Os nosos representantes amosáronse moi preocupados pola situación que atravesa o sector, coa práctica totalidade dos locais en ERTE, pechados ou traballando só con servizo a domicilio e/ou o 50% das terrazas, e coas limitacións aínda maiores engadidas polo Concello. Unhas circunstancias excepcionais que imposibilitan o regreso dos seus empregados. E que están a afectar tamén a todos os sectores que xiran ao redor da hostalaría: produtores primarios, provedores, distribuidores, etc.

En consecuencia, basta con mirar os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), correspondentes ao primeiro trimestre, e que sitúan a Santiago, cunha subida de 3,6 puntos na taxa de paro respecto a fai un ano, como a cidade galega con maior impacto da crise no emprego. “E todos sabemos o peso económico específico que ten a hostalaría en Compostela, que supón o 20% do PIB da cidade”, recordan.

Sara Santos, falando co xerente da Asociación, Ramón García.

Ademais, a nosa Asociación lamenta a actitude que está a tomar ao Concello, sen ter en conta a opinión do sector, como na actualización do mapa de ocupación da vía pública que elimina un 40% das prazas de terrazas e que se fixo cunha norma arbitraria e sen ningún tipo de consenso.

Tampouco entenden por que o Goberno local fai unha interpretación da normativa do uso da vía pública máis restritiva que a do Ministerio de Sanidade. Pregúntanse, por exemplo, por que non se pode poñer unha mesa máis cando se agrupan mesas se queda libre espazo xa autorizado suficiente para gardar a distancia de seguridade e permitir o paso dos peóns.

Co acto de hoxe, Hostalaría Compostela quere insistir unha vez máis na chamada ao diálogo co Concello e inicia desta maneira unha serie de encontros co sector para explicar as medidas que afectan ao mesmo. É vontade de todos cumprir coas normas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social impostas para salvagardar a saúde de clientes e traballadores, pero tamén precisan poder sacar adiante os seus negocios. A entidade quere lembrar que son o sector que máis sufre con esta crise, tras unha paralización completa durante dous meses e medio. O obxectivo común é alcanzar canto antes a fase 2 da desescalada na que xa será posible utilizar a metade do aforo no interior dos negocios.