Tras as reiteradas peticións por parte de Hostalaría Compostela para reunirse con representantes do Concello de Santiago e a empresa Urbaser, a fin de poder solucionar os problemas que presentaba o novo sistema de recollida de lixo no Casco Histórico, este mércores tivo lugar o encontro no Pazo de Raxoi, coa participación do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e técnicos municipais.

Logo da xuntanza, na que se achegaron posturas, se producirán algúns axustes. Así, «as recollidas de envases vanse facer pola mañá, en vez de pola noite» e modificarase o inicio do servizo o antes posible, de xeito que o comezo na cidade histórica «vai ser ás 12 da noite de domingo a mércores, e xoves, venres, sábados, vésperas de festivos e festivos será á 1.00 h», tal e como sinalou o rexedor, que cualificou de «moi produtiva e clarificadora» esta primeira reunión, á que seguirá outra dentro de 14 días para facer un seguimento do servizo.

Entre as novas medidas adoptadas, o presidente de Hostelería Compostela explicou que “se deixarán os contedores dispostos pola zona vella e complementaranse con contedores de todos os tipos de restos, e tamén se manterán os contedores en Fonseca e As Rodas, entre outras rúas”.

Estes funcionarán como punto de desafogo para os locais con cociñas pequenas que non lles cabe o lixo, e para aqueles que pechan as súas portas antes da recollida de residuos”, explicou Thor Rodríguez á saída da reunión, engadindo que “eses contedores colocaranse á as 18.00 horas”.

En principio todos os horarios son provisionais. “A idea é probar se é eficaz e como sempre, desde a Asociación Hostelería Compostela recolleremos todas as suxerencias que nos fagan desde o colectivo ao que representamos”.