A piques de comezar xullo, a Asociación Hostalaría Compostela ve con moita preocupación a práctica falta de actividades de dinamización por parte do Goberno municipal que axuden a paliar os efectos da crise económica ocasionada pola pandemia do Covid-19 e que serían de vital importancia non só para o noso sector, senón para o conxunto da cidade.

Xa en pleno período estival, seguimos sen noticias sobre o Plan de Reactivación Cultural que anunciou o alcalde en abril e que ascendía a 2 millóns de euros, xunto co de Turismo.

Hostalaría Compostela segue, a estas alturas, sen contar con ningún convenio de colaboración co Concello -como si existen con outras asociacións empresariais e profesionais de Santiago- a pesar de ser un dos sectores con maior peso na economía da cidade, pois representa o 20% do noso PIB.

Perante esta situación, a nosa entidade deseñou unha proposta global lúdico-cultural para o conxunto da cidade que xa fixo chegar á Concellería de Cultura e para a que, de momento, aínda non obtivo resposta. Estamos tamén á espera dunha reunión coa Concellería de Festas para presentarlle dito programa. Imos, así mesmo, facer traslado desta proposta ao alcalde.

Trátase dun proxecto de dinamización coa premisa de reactivar anímica e economicamente o sector hostaleiro da cidade na época estival, mantendo as pautas hixiénico-sanitarias e de seguridade dispostas para o control da Covid-19, e sendo expansivo a todos os barrios e parroquias de Compostela. Inclúe propostas musicais, teatrais, de danza e cinema, rutas gastronómicas, etc.