A presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos; a presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Lucía Vázquez; e o directivo de ámbalas dúas entidades, Sergio Fernández, reuníronse esta tarde no Parlamento de Galicia co deputado do PPdeG, Borja Verea.

Na xuntanza manifestouse o momento crítico que, por mor da crise da Covid-19, están a atravesar  o ocio nocturno, a restauración e a hospedaxe tanto en Compostela coma no resto de Galicia, uns sectores fundamentais para a nosa economía e dos que viven, ademais, outras moitas empresas provedoras, distribuidoras, etc.

Os hostaleiros presentaron as súas demandas, entre as que destaca a eliminación, con carácter inmediato, da orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade que obriga a pechar os locais da noite e establece a 1 da madrugada como horario máximo de feche en todos os locais de hostalaría.

Entre outras cuestións, tamén solicitaron unha prórroga permanente dos ERTE ata a plena recuperación do sector; axudas directas aos traballadores autónomos que non poden abrir os seus negocios ou a exención nas cotas de seguridade social e de taxas municipais e autonómicas ata o verán do 2021, así como a redución do IVE ata o 7%.

As dúas entidades levan desde hai semanas reuníndose con distintos representantes políticos, tanto autonómicos como municipais. Así, antes da xuntanza de hoxe co PPdeG, xa foron recibidos polo PSdeG-PSOE e o BNG no Parlamento de Galicia e os grupos municipais do PSOE e de Compostela Aberta.

Este xoves, 22 de outubro, a ronda de contactos continuará cunha reunión na sede da Asociación Hostalaría Compostela, á que asistirán representantes das asociacións provinciais de hostalaría de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra-Vigo; Galicia de Noite; a Asociación Galega de Salas de Música, Clubtura; e a Federación de Empresarios de salas de festas, baile e discotecas de Galicia.