Máis de duascentas persoas concentráronse esta mañá diante da Consellería de Sanidade convocados pola Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, para reclamar poder regresar ao traballo agora que Santiago está en nivel laranxa de alerta sanitaria.

As protestas do sector continuarán os vindeiros días con varias accións. Hostalaría Compostela acudirá mañá, xoves 12 de novembro, a unha concentración que convoca a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña ás 11:00 horas diante da subdelegación do Goberno. Posteriormente, ás 12:00 horas, serán recibidos polo Delegado do Goberno para presentarlle o Plan de Rescate elaborado en conxunto coas entidades de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol.

Hostaleiros de todas estas asociacións reuniranse en Santiago o martes 17 de novembro nunha gran mobilización que partirá ás 11:00 horas da explanada do Pazo de Congresos, en San Lázaro, para, percorrendo o último tramo do Camiño Francés, chegar á Praza do Obradoiro.

Axudas insuficientes

A mesa de diálogo coa Xunta de Galicia da que forma parte a Asociación Hostalaría Compostela mantivo onte unha reunión coa Consellería de Emprego para falar das axudas presentadas polo Goberno galego e que o sector ve claramente insuficientes. “Propoñen 12 millóns de euros para a hostalaría e 4 millóns compartidos con outros sectores. Calculando unha contía media por establecemento duns 2.500 euros, o 75% locais quedaría fóra”, lamentan.

Hostalaría Compostela fai un chamamento á Xunta para que lidere, xunto con Concellos e Deputacións, o Plan de Rescate do sector. “Actualmente estamos falando só coa Consellería do Emprego, cando entendemos que, nas cuestións das axudas, deberían estar implicados máis departamentos”, sosteñen.