A Asociación Hostalaría Compostela valora que a Xunta de Galicia accedera a manter un diálogo activo e permanente co sector, tal e como viña reclamando desde hai meses. Así, na reunión mantida esta mañá co vicepresidente galego, Alfonso Rueda, acordouse crear unha mesa de diálogo da que formarán parte as asociacións de Compostela, A Coruña, Lugo e Pontevedra.

A nosa entidade considera que as axudas directas anunciadas polo Goberno galego son un balón de osíxeno no momento actual de absoluta crise para os establecementos que están pechados, pero tamén cre que a mesa de diálogo debe servir para algo máis que para esta cuestión. “O que queremos é consensuar unha fórmula que nos permita traballar, convivir co virus nun período que en principio non se prevé corto”, sinalan na Xunta Directiva.

A mesa debe servir tamén para pactar uns criterios claros de restricións, así como os prazos de comunicación. “O obxectivo é traballar coas medidas hixiénico e sanitarias que se consideren e ter unha alternativa incluso de reconversión para aqueles establecementos que se lle prevé dificultades por razón de espazo”, sosteñen.

Axudas insuficientes

O total de axudas para o sector (12+2 millóns) é para Hostalaría Compostela “claramente insuficiente”, xa que calculando unha contía media por establecemento duns 2.500 euros, o 75% locais quedaría fóra. “O volume de axudas noutros territorios ratifica o noso parecer. Por exemplo, en Murcia son de 38 millóns e en Euskadi, cun tercio dos nosos establecementos, de 45”, apuntan.

Ademais, poñendo a vista só en Compostela, estase a falar de axudas municipais para os sectores máis afectados por esta pandemia que van desde os 3 millóns que propón o Goberno local aos 5 millóns que reclama o PP, principal partido da oposición, o que en agravio comparativo ratifica claramente a insuficiencia das axudas anunciadas pola Xunta de Galicia.

Por outra banda, o sector precisa doutras medidas aparte das económicas recollidas no Plan de Rescate que presentou a semana pasada, e que se van seguir reivindicando, en perfecta sintonía coa disposición ao diálogo que a hostalaría ten demostrado e demostra.  Así, tense deseñado un acto reivindicativo este mércores ás 11:00 horas diante da Consellería de Sanidade para reclamar poder volver a traballar, dada a nova situación sanitaria en Santiago de alerta laranxa, da cal nos alegramos profundamente.

Fotos: Concentración celebrada diante da Xunta de Galicia o 9 de novembro de 2020 reclamando o plan de rescate para a hostalaría