A Asociación Hostalaría Compostela mantivo esta mañá en San Caetano unha reunión co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e co xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia. Ao encontro acudiu unha representación da nova Xunta Directiva da entidade, composta polo presidente, Thor Rodríguez, e os directivos Mayka Mera e Javier Míguez.

Na xuntanza abordáronse diversas cuestións que afectan á hostalaría de Santiago e comarca na actualidade, especialmente as que teñen que ver coas últimas restricións derivadas da pandemia da covid-19. O presidente explicou tamén cales son os principais obxectivos da Asociación nos vindeiros meses e os proxectos tanto formativos como de dinamización do sector e da cidade nos que xa están traballando.

Esta reunión é a primeira dunha serie de encontros con representantes políticos e institucionais que a nova Xunta Directiva de Hostalaría Compostela pretende realizar para abrirse á sociedade, manter unha actitude de diálogo constante e defender os intereses dos 600 locais asociados que representa na actualidade.