O sector está moi preocupado polo impacto que pode ter para a veciñanza e pola mala imaxe que dará a cidade en plenas Festas do Apóstolo

A Asociación Hostalaría Compostela amósase moi preocupada pola inminente folga de recollida do lixo á que se enfrontará Santiago. O comité de empresa de Urbaser iniciará o paro de xeito indefinido a partir do vindeiro luns, 18 de xullo. “Se non se busca unha solución ao conflito, imos pagar o pato en primeiro lugar os veciños e veciñas e, en segundo, un sector tan importante para a nosa economía como é o turístico”, sinala o presidente da entidade, Thor Rodríguez, quen lamenta ademais que, despois da grave crise provocada pola pandemia da covid-19, a hostalaría compostelá poida saír gravemente prexudicada.

Preocupa tamén moito o feito de que se faga coincidir esta folga en temporada alta e en plenas Festas do Apóstolo, cando se espera unha gran cantidade de visitantes en Compostela, cunha porcentaxe de previsión de ocupación que, a falta das reservas de última hora, supera o 82%. “A imaxe que podemos dar é terrible”, opina Rodríguez.

Por todo isto, desde Hostalaría Compostela solicítase que se retome o diálogo para tratar de chegar a un acordo antes deste luns e se poida desconvocar a folga.