Unha representación da Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela e comarca, encabezada pola súa presidenta, Sara Santos, mantivo esta mañá no Milladoiro unha reunión con hostaleiros de Ames, que están moi preocupados polo borrador da nova ordenanza de terrazas presentado polo Goberno local.

A nosa entidade xa presentou as súas alegacións a dita norma por considerala demasiado restritiva para a realidade de Ames. Tampouco está de acordo con que moitas das cuestións que regula queden ao criterio arbitrario do servizo técnico municipal.

Certo é tamén que o modelo urbanístico do Milladoiro dificulta o equilibro de espazos peonís coas terrazas, pero o sector considera que a solución non pode vir a costa dos seus establecementos. “As terrazas son un espazo de socialización máis. Non existe en Ames ningún problema da veciñanza con elas”, sinala Santos. “Cremos que o Goberno local debería apostar pola reordenación do tráfico do municipio para lograr espazos máis axeitados para os peóns”, engade.

Hostalaría Compostela solicitou reunirse tanto co Goberno local como cos distintos partidos políticos con representación en Ames, uns encontros que agarda se produzan na maior brevidade posible.