Ante o anuncio de que as novas restricións impostas á hostalaría vanse prolongar máis alá do 18 de xaneiro, a Asociación Hostalaría Compostela quere manifestar a súa profunda preocupación pola situación que atravesa o sector. “O mes de xaneiro está sendo dramático para a maioría dos negocios”, sinala o presidente da entidade, Thor Rodríguez. Xúntanse varias circunstancias: a tradicional baixada de facturación propia do mes, a sexta ola da pandemia, as restricións que se prolongan, o pago de impostos e créditos ICO… “Preocúpannos especialmente aqueles locais que dependen case exclusivamente das barras e que poden chegar a desaparecer, sendo baixos moi peculiares que son imposibles de recuperar doutra maneira”, apunta. “Tamén é gravísima a situación das discotecas, que non chegaron a iniciar a recuperación como si o fixeron outro tipo de negocios, e agora van seguir sen poder facelo”, asegura.

A rama da hospedaxe tampouco o está a pasar ben, habendo moitos negocios que prefiren incluso permanecer pechados. Dos que están abertos, e segundo os datos aportados polos hoteis asociados, a ocupación en decembro foi do 25%, mentres que para xaneiro ás previsións non chegan nin a un 15%. Uns datos que están lonxe dos resultados anteriores á pandemia. Así, por estas mesmas datas no ano 2019, a ocupación foi de preto do 40%.

Por outra banda, a Asociación xa denunciou publicamente hai uns días as ameazas e coaccións que están recibindo algúns locais por parte de terceiros que se negan a amosar o pasaporte COVID, chegando incluso a presentar denuncias no Instituto Galego de Consumo. 

Ante este panorama, Hostalaría Compostela cre necesario que as autoridades reconsideren a súa postura de manter as restricións máis aló do 18 de xaneiro ou, se continúan vixentes, que se estude a posibilidade de poñer en marcha novas axudas que permitan sobrevivir ao sector nos vindeiros meses.

Leave a Reply

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.