O representante da Asociación Hostalaría Compostela que asistiu hoxe á reunión da mesa de diálogo coa Xunta de Galicia decidiu non sumarse ao acordo alcanzado con outros representantes do sector posto que, aínda que valoran o esforzo do Goberno galego por aumentar as cuantías das axudas, seguen considerando que son insuficientes e que o rescate da hostalaría galega non se pode limitar a un balón de osíxeno no momento actual.

“Precisamos un acordo global que nos indique como se vai a traballar e que solución se lle dá a aqueles locais que non van poder facelo”, sosteñen en Hostalaría Compostela. “O obxectivo é traballar coas medidas hixiénico e sanitarias que se consideren e ter unha alternativa incluso de reconversión para aqueles establecementos que se lle prevé dificultades por razón de espazo”, engaden.

Por outra banda, e en base aos datos obxectivos actuais da pandemia, solicitan que se revisen as restricións impostas en Santiago e nos concellos da súa área que teñan unhas cifras máis favorables.

Hostalaría Compostela recorda que segue aberta ao diálogo e que a saúde e a vida teñen a máxima prioridade pero tamén é necesario buscar un equilibrio que garanta a supervivencia dos negocios e, polo tanto, de todas as familias que viven deles.