A Asociación Hostalaría Compostela recibiu esta mañá na súa sede da Rúa Salvadas a unha delegación da Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), encabezada polo responsable de hostalaría, José Francisco Mirás Pérez. “Agradecemos moito que nos solicitaran esta reunión e que se comprometesen a defender o sector en todos os ámbitos nos que teñen presenza”, sinalaron os representantes da nosa Xunta Directiva.

Tanto a nosa asociación coma CCOO coinciden en que os intereses das empresas e dos traballadores están ligados e que é necesario crear sinerxias para a salvación dun sector coma o noso, especialmente afectado pola pandemia. Así, o sindicato propón que todas as Administracións poñan en marcha medidas para soster o emprego e o tecido produtivo, e reclaman tamén ao Goberno de España melloras na coordinación.

Para CCOO é unha prioridade absoluta evitar que se perda tecido empresarial, polo que se propón apostar por mecanismos de financiamento, axudas, moratorias e liquidez, que permitan o sostemento das empresas, maioritariamente de autónomos e pemes.

Escaseza de axudas

Ambas entidades coinciden tamén na insuficiencia das axudas ofrecidas ata o de agora pola Xunta de Galicia. CCOO considera que estas axudas deben estar equilibradas, é dicir, que existan axudas directas tanto para empresas como para os sectores e as persoas traballadoras.

Entre outras cousas, propoñen programas para fomentar o consumo na hostalaría, axilizar a liquidación de axudas económicas ás pemes e autónomos e promover medidas de mediación para renegociar temporalmente o prezo do alugueiro cos propietarios dos inmobles.

Por outra banda, na reunión tamén se abordou a necesidade reclamar ao Goberno central que presente canto antes o plan de choque para a hostalaría e o comercio que anunciou hai un mes e que segue acumulando atrasos.