A Asociación Hostalaría Compostela amósase moi preocupada pola situación que atravesa o sector nesta recta final do 2021 e comezo do 2022 e denuncia que o sector volve a ser “inxustamente castigado”. As novas restricións anunciadas hoxe pola Xunta de Galicia poden ser fatais para unhas economías xa moi tocadas. 

Neste senso, Hostalaría Compostela destaca que o sector leva case dous anos acatando as normas sanitarias, adaptándose a multitude de cambios e demostrando que os seus espazos son seguros. “Os nosos negocios levan demasiado tempo realizando un gran esforzo. Pedimos que se teña en conta e se garanta a nosa supervivencia”, afirman desde a Xunta Directiva.

Os restaurantes da cidade acumulan xa varias semanas de cancelacións, nunha época do ano que tradicionalmente supoñía unha elevada facturación polas comidas e ceas de Nadal. “Ter que suspender estas celebracións supón unhas perdas cuantiosas para os locais porque as mercancías están compradas e os contratos do persoal feitos”, sinalan. O mesmo ocorre co ocio nocturno que, unha vez máis, resulta enormemente prexudicado. 

Por outra banda, a situación da rama da hospedaxe tamén é moi delicada. Moitos dos hoteis e pensións asociados á entidade decidiron pechar nestas datas debido á escasa demanda e aqueles que permanecen abertos apenas chegan ao 25% de ocupación.