A Asociación Hostalaría Compostela valora positivamente a decisión do Goberno central de ampliar dun 30 a un 50% a capacidade das terrazas de bares e restaurantes cando comece a fase 1 do desescalado, o vindeiro 11 de maio. Sen embargo, considera que todavía segue sendo inviable económicamente para os negocios da cidade. Ademais, hai que ter en conta que moitos locais nin sequera contan con terrazas.

Por iso reclama que, mentres se manteñan a limitación de capacidade dos locais e as medidas de seguridade que establezan maior separación entre persoas, se estuden solucións que flexibilicen a normativa de terrazas para minguar o impacto.

Así, para poder debatir cuestións como a ampliación das mesas e cadeiras, Hostalaría Compostela solicita a creación dunha comisión específica entre Concello e sector que se constitúa na maior brevidade posible.

Incluír ás PEMES

Hostalaría Compostela lamenta que nas tres convocatorias de axudas do Concello ao pequeno comercio presentadas a semana pasada cun crédito inicial de 410.000 euros, ampliable ata o millón de euros, non se teñan en conta ás PEMES (empresas con entre 10 e 50 traballadores). Así, o plan municipal contempla o pago de xuros de préstamos e liquidacións de pólizas de crédito a micropemes, é dicir, aquelas empresas que ocupen a menos de dez persoas. “O problema é que unha gran parte do sector da hostalaría na nosa cidade conta con máis traballadores, co cal non poderían optar a elas”, sinalan. 

Por outra banda, despois de analizar as convocatorias de axudas presentadas ata o de agora polo Goberno local, a Asociación Hostalaría Compostela considera que o Concello debería ter en conta o peso específico do sector na cidade (que se estima representa o 20% do PIB) e, ao igual que co pequeno comercio, incluír preferencialmente aos bares, restaurantes, hoteis e pensións na súa liña de axudas directas aos afectados polo cese de actividade.