A Asociación Hostalaría Compostela lamenta que o plan aprobado esta mañá polo Consello de Ministros de apoio á hostalaría, o turismo e o comercio non cumpra coas expectativas do sector. Ademais da falta de axudas directas que poderían axudar de maneira urxente ao terzo dos locais que están en perigo real de pechar, a entidade compostelá bota en falta outro tipo de medidas que se propoñían no Plan de Rescate presentado de forma conxunta pola hostalaría galega.

Non se contemplan, entre outras cousas, a paralización de taxas e impostos en todos os abastecementos de enerxía; impoñer un tipo de IVE reducido ao 4% para as actividades de hostalaría e turismo; a concreción na ampliación dos períodos de carencia da devolución dos créditos ICO; ou estender como mínimo ata xuño de 2021 e con carácter inmediato a aplicación dos ERTES -revisable en función da evolución da pandemia-, cuestión esta que queda a menos dun mes do vencemento condicionado ao diálogo con axentes sociais. Tampouco se contempla ningunha medida extraordinaria para o ocio nocturno, o máis afectado do conxunto do sector.

En canto á medida aprobada no borrador deste Real Decreto que obrigará a aqueles que teñan en propiedade máis de dez locais arrendados a aplicar unha rebaixa do 50% nos alugueiros durante o tempo que dure o estado de alarma, Hostalaría Compostela denuncia que en Galicia practicamente non terá efecto, xa que na nosa comunidade apenas se dan esas situacións.

Insuficiencia nas axudas da Xunta

A falta de concreción do plan do Goberno central súmase á insuficiencia das axudas para o sector por parte da Xunta de Galicia, as cales deixaron fóra a moitos locais debido á súa letra pequena; e moitos dos locais que si que cumprían os requisitos aínda seguen agardando por elas, meses despois da súa aprobación.

Hostalaría Compostela manifesta unha vez máis a súa vontade de seguir dialogando coas distintas administracións e buscar unha fórmula acordada que permita a supervivencia da meirande parte do sector en Santiago e en toda Galicia.