Segundo os datos aportados polos establecementos hoteleiros asociados a Hostalaría Compostela, a previsión de ocupación para as Festas da Ascensión (26, 27 e 28 de maio) alcanza xa un 78,42%, rozando o cheo nalgúns hoteis da Zona Vella. Unha cifra bastante elevada que parece ter que ver cun congreso médico que terá lugar na cidade nesas datas. “Estamos tendo un moi bo mes de maio, pero as festas da Ascensión son locais e fundamentalmente os visitantes que recibimos son xente da comarca”, sinala o presidente da entidade, Thor Rodríguez. “O turismo de congresos está axudando moito a consolidar a tendencia ascendente que estamos vendo nos últimos meses”, engade. 

Estes datos nada teñen que ver cos conseguidos fai un ano, cando aínda había bastantes restricións pola pandemia e algúns hoteis permanecían pechados. De feito, nas Festas da Ascensión do 2021, que se celebraron xusto antes das Letras Galegas, do 13 ao 16 de maio, a previsión de ocupación apenas superaba o 9%. “Estamos contentos pola recuperación que estamos tendo, aínda que convén ser prudentes. Hai que ter en conta que o sector vén de pasar dous anos con moitísimas dificultades e aínda non alcanzamos as cifras anteriores á covid-19. Por exemplo, na Ascensión do 2019, que tamén coincidiu con varios congresos na cidade, a ocupación alcanzou o 85%”, afirma Rodríguez.

Ocorre o mesmo cos datos de ocupación do mes de maio. No 2019, superouse o 80%. No 2021, apenas chegamos ao 16%. Este ano, a falta das reservas de última hora, a previsión é do 60%.  

Aínda quedan tamén prazas para outra das citas que máis visitantes atrae á cidade ao longo do ano como é o festival O Son do Camiño (16, 17 e 18 de xuño), para o que a Asociación manexa actualmente unha previsión do 82,76%.