A Asociación Hostalaría Compostela mantivo esta mañá unha reunión telemática co Goberno local co obxectivo de tratar as diversas demandas que o colectivo vén reclamando para tratar de paliar a grave crise económica que afecta ao sector pola pandemia do Covid-19.

Na xuntanza o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, comprometeuse a poñer en marcha unhas liñas de axuda directas a bares, restaurantes, hoteis e pensións, similares ás anunciadas a semana pasada para o pequeno comercio. Dáse resposta así a unha das principais reclamacións da nosa entidade, que entendía que o noso sector -que se estima representa o 20% do PIB da cidade- non podía quedar fóra destas medidas de apoio.

A nosa entidade insistiu tamén neste encontro telemático na súa preocupación por non incluír ás PEMES (empresas de entre 10 e 50 traballadores) neste tipo de convocatorias. E é que as axudas presentadas polo Concello para o pago de xuros de préstamos e liquidacións de pólizas de crédito diríxense a micropemes, é dicir, aquelas empresas que ocupen a menos de dez persoas. De manterse así, moitos dos locais de hostalaría de Compostela non poderían acollerse a elas.  

Por outra banda, en relación á demanda de ampliación do espazo de uso das terrazas, Concello e Hostalaría Compostela acordaron a creación dunha comisión para estudar diferentes posibilidades que se reunirá por primeira vez este venres día 8 de maio.

 

Foto: Iván Barreiro