A Asociación Hostalaría Compostela lamenta profundamente as novas restricións anunciadas onte pola Xunta de Galicia para Santiago que implican, entre outras cousas, a redución ao 50% da capacidade tanto no interior como no exterior dos locais de hostalaría e a prohibición de consumir nas barras.

A nosa entidade considera que a saúde debe ser a prioridade, pero o sector -que supón o 20% do PIB galego- está ao límite da súa capacidade de resistencia. “Impóñennos novas restricións pero non dos dan ninguna alternativa para a supervivencia dos nosos negocios”, afirman na Xunta Directiva.

Hostalaría Compostela subliña que todas as restricións que se veñen impoñendo ao sector desde o inicio da pandemia non están servindo para conter o virus e que a maioría dos abrochos estanse producindo noutros establecementos ou en reunións familiares e/ou sociais de carácter privado.

Os hostaleiros cren necesario lograr un equilibrio entre a seguridade sanitaria e a viabilidade económica dun dos sectores máis castigados por esta crise. En Santiago son numerosos os establecementos que non chegaron a abrir desde a declaración do estado de alarma ou que están a piques de pechar definitivamente, con centos de traballadores que continúan en ERTE e con incontables empresas relacionadas coa hostalaría (distribuidores, provedores…) que tamén están gravemente prexudicados.

Hostalaría Compostela opina que os esforzos deberían centrarse nas medidas preventivas de probas PCR e no labor dos rastrexadores, como máximo garante da contención do virus. Os hostaleiros fan, ademais, de novo un chamamento á responsabilidade individual