Ante as indemnizacións que está perfilando a Xunta de Galicia na mesa de diálogo social e coa representación do sector -que consideramos parcial e pouco exixente co Goberno galego- a Asociación Hostalaría Compostela insiste en que estas son unha parte do Plan de Rescate que teñen presentado e anima a poñer en marcha canto antes a proposta da Deputación de A Coruña de dedicar o 1% do orzamento das administracións públicas galegas a dito rescate. A entidade compostelá insta ademais ao Goberno galego a liderar as medidas deste plan ante as administracións competentes.

No que se refire á proposta de axudas formulada pola Xunta, Hostalaría Compostela considera vital engadir á pequena empresa -que quedou fóra da convocatoria do 2020-, establecendo desta vez as seguintes categorías e cantidades:

  • 4.000 € para microempresas (1-10 empregados)
  • 5.000 € para pequenas empresas de 11-25 empregados
  • 6.000 € para pequenas empresas de 26-50 empregados
  • 6.000 € para sectores especialmente afectados como a hostalaría nocturna

No rango 11-50 traballadores atópanse un gran número de establecementos hostaleiros (restauración e aloxamento) con grandes dificultades para manterse a flote. Así o defenderon tamén os sindicatos UGT e CCOO na reunión que mantiveron esta semana coa conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, por considerar que estas empresas “están a pasar grandes dificultades”.

Nova mobilización

A Asociación Hostalaría Compostela convoca unha nova mobilización para este venres, 29 de xaneiro, en apoio á marcha de HOEMPO (Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín), que camiñará desde Pontevedra a Santiago para exixir un plan de rescate xa e a protección do emprego no sector.

A marcha da hostalaría compostelá partirá desde as 10:15 horas do aparcamento de Santa Marta e desde ás 11:00 horas desde a Praza de Galicia, para chegar ás 12:00 horas a San Caetano onde se manifestarán, xunto cos hostaleiros pontevedreses e doutras zonas de Galicia, diante dos edificios administrativos da Xunta.

Terá presencia tamén na protesta unha caravana de vehículos de distribuidores e provedores que se solidarizan co sector.