O restaurante Porta Faxeira acolleu o pasado domingo, 12 de novembro, a celebración do VI Campionato de Baristas Down de Galicia que organizaron Cafento, Fundación Down Compostela, Asociación Down Vigo e Pousadas de Compostela.

O establecemento compostelán encheuse para observar as calidades como baristas de seis mozos de Santiago e seis mozos de Vigo con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Un xurado profesional, formado por José Soto – responsable de Hostelería do Casino da Toja – e Xosé Ríos – profesor de Servizos do IES de Foz – foi o encargado de valorar as distintas propostas. Finalmente, o equipo de Santiago levou os premios de Mellor Espresso e Mellor Combinado; mentres que o conxunto de Vigo venceu na categoría de Mellor Capuccino.

A semana pasada os profesionais baristas da escola de Cafento Diego López, en Santiago, e Enrique Salgueiro, en Vigo, encargáronse de formar aos integrantes dos dous equipos. Cafeto, denominación da planta de café, foi o nome que elixiron os baristas de DOWN COMPOSTELA para denominar ao seu grupo. Formaron parte do mesmo Cristina Villar, Kevin Suárez, Francisco Fianza, Yasmín Malás, Manuel Otero e Álvaro Díez.

Os Campionatos Baristas Down son unha iniciativa pioneira no mundo, nacida en Galicia en 2012 coorganizados por Cafento e a Fundación Down Compostela, que buscan visibilizar ao colectivo de persoas con síndrome de Down en termos positivos; dar unha formación profesional especializada a persoas deste colectivo; facilitar a súa inserción no mercado do traballo con prácticas laborais en establecementos de hostalería. Actualmente celébranse tamén noutras comunidades autónomas españolas.

Tiveron eco na prensa internacional e inspirado un proxecto similar na cidade canadense de Toronto, chamado Made by Mavericks, que en 2015 recibiu un importante premio naquel país