A hostalería compostelá envorcouse na celebración do Entroido, sumando os produtos gastronómicos propios destas datas aos seus menús e organizando festas temáticas para dar colorido a un dos festexos máis populares e con maior tradición. Cocidos, orellas e filloas están presentes estes días nas cartas dos restaurantes de Santiago e comarca para goce de todos os padais.

Ademáis, a Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción cultural deu resposta á solicitude de ampliación do horario de funcionamento das terrazas de hostalaría e dos propios establecementos hostaleiros durante a celebración das Festas do Antroido 2023.

Así, a ampliación de horario autorizada comezou na noite do 15 ao 16 de febreiro (Xoves de Antroido) e rematará na noite do 21 ao 22 de febreiro (Mércores de Cinza), sendo o horario de peche das terrazas ás 00:30 h da madrugada entre semana e 01:30 h da madrugada o sábado, domingo, días festivos e vésperas de festivos durante esas datas.
Tamén se ampliará unha hora máis o horario de funcionamento dos propios establecementos hostaleiros no mesmo período, sempre que os establecementos conten coa correspondente licenza municipal e cumpran con toda a normativa de aplicación.

As festas finalizarán o Mércores de Cinza coa queima do Meco que preside o Entroido desde o Pazo de Bendaña.