Máis de 4.500 persoas pasaron durante dous días polo
San Francisco Hotel Monumento para visitar as casetas e o Túnel do Viño que
conformaron o eixo do II Encontro do Viño Galego Revera Vinum, promovido pola
Asociación Hostelería Compostela e organizado por Escenoset, co patrocinio da Xunta
de Galicia e o Concello de Santiago, co propósito de dar a coñecer o potencial
vitivinícola galego e promocionar os viños galegos entre comerciais, distribuidores e
prescritores.
Javier Míguez, director técnico do proxecto, explicou que “o balance é moi positivo,
porque se cumpriron os nosos obxectivos” e destacou “a gran afluencia de profesionais
do sector que houbo durante os dous días procedentes doutras cidades de España, o
que dá boa conta do interese que espertan os viños galegos”.
Míguez destacou ademais que “tamén se trasladaron a Compostela moitos hostaleiros e
catadores doutras localidades galegas e creouse un ambiente moi bonito en torno ao
mundo do viño”.
Aínda que o principal atractivo foi o Túnel do Viño, con máis de 80 adegas das DO e IXP,
Míguez fixo fincapé tamén na “gran acollida” que tiveron as distintas actividades
programadas, con destacados relatores como Pepe Raventós ou o Master of Wine
Fernando Mora, ademais de grandes profesionais do panorama galego como Luís
Paadin, Cecilia Fernández ou Roberto Regal, entre outros moitos, que fixeron as delicias
de todos os que asistiron ás charlas, debates e catas maridadas propostas no marco do
Revera Vinum.

Tamén destacou o interese que xeraron as actividades propostas pola Axencia Galega da
Calidade Alimentaria (Agacal), centradas en catas comentadas de viños e augardentes e
licores tradicionais de Galicia, harmonizadas con outros produtos con indicativo de
calidade, e as impresións dos expositores e adegueiros “que foron moi positivas e con
ganas de que o Revera Vinum sexa un evento de continuidade e xa consolidado no
calendario do sector”.
Tamén sinalou “as boas sensacións” que lle transmitiron os distribuidores, “que se foron
moi contentos” e os propios visitantes, “que nos fixeron chegar”, dixo, “moitas
mensaxes con felicitacións pola organización e a formulación do Revera Vinum”, á vez
que destacou o interese do comité organizador por “seguir mellorando para continuas
edicións, porque cremos que é un evento con futuro e que sempre ten que ir a máis”.
Do mesmo xeito que cando clausurou o acto, Javier Míguez quixo agradecer o apoio dos
patrocinadores e de todos os que fan posible a celebración do Revera Vinum, que
prolongará a súa presenza na cidade ata o 31 de marzo grazas á acción Galicia en Copas,
un roteiro de viños por 27 establecementos para reforzar a relación entre adegas,
distribuidores, hostaleiros e clientes, que entrarán no sorteo de diferentes agasallos,
entre eles cinco estancias en casas de turismo rural do Clúster de Turismo de Galicia,
seis experiencias Ponte da Boga, con visita, cata e degustación en adega, dez
experiencias Regina Viarum con visita e cata en adega, e seis experiencias Martín Códax,
así como varios lotes de viño facilitados polas D.O. galegas.