A Concellaría de Medio Ambiente, a Asociación Hostalería Compostela e a empresa de inserción laboral Compostela Inserta asinaron este martes un convenio de colaboración para a recollida de aceites usados na hostalería. Para difundir esta campaña repartirase entre os hostaleiros e hostaleiras unha serie de documentos para concienciar sobre a necesidade da reciclaxe deste tipo de residuos.

Polo Concello, asinou o convenio o edil de Medio Ambiente, Xan Duro, quen indicou que «un sector como a hostalería, coa potencia que ten en Compostela, xera un residuo con moito volume como é o aceite usado». Entre os obxectivos do acordo sinalou que «se recicle axeitadamente o aceite usado en zonas habilitadas para o efecto, e apostar polo traballo dunha empresa de inserción laboral como é Compostela Inserta. Isto permite convinar a economía social e a posta en valor, aínda máis se se pode, da hostalería en Compostela».

Pola súa parte, a presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, apuntou a súa satisfacción por «colaborar nun proxecto para a mellora medioambiental e que tamén contribúe á inserción social». Ademais, engadiu, «somos un colectivo importante que pode axudar na reciclaxe destes residuos».

Finalmente, Miguel Fernández, en representación de Compostela Inserta, amosou o seu orgullo por «ter traballando neste proxecto a dúas persoas que estaban en risco de exclusión social». Tamén recalcou que, para ter a colaboración do empresariado hostaleiro, é necesaria a concienciación sobre este convenio. «Para logralo imos contar co Concello e coa Asociación Hostalería Compostela, co reparto de folletos e a colocación de pegatinas explicativas», dixo.

Fernández explicou como será a recollida do aceite. «Colocaranse uns bidóns nos centros hostaleiros, que serán recollidos cando estean cheos e levados aos puntos de tratamento indicados», indicou. Inicialmente, participan neste proxecto cen locais hostaleiros.

Compostela Inserta busca convenios similares con outros sectores, como a Universidade ou colectivos empresariais.