A Asociación Hostalaría Compostela acollerá nas súas instalacións da Rúa Salvadas nº 29 as I Xornadas de Formación Hostalaría Compostela, que se poñen en marcha co apoio de Turismo de Galicia.

O presidente da entidade, Thor Rodríguez, e a directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Marta Fernández, explicaron esta mañá o programa destas xornadas, que serán gratuítas para os locais asociados a esta entidade.

Neste contexto de crise económica que atravesa o sector por mor da pandemia da COVID-19, o obxectivo destas xornadas é ofrecer aos hostaleiros e hostaleiras un amplo programa de cursos e obradoiros que lles permitan mellorar aspectos concretos da súa formación ou adquirir coñecementos doutras disciplinas que lles poidan axudar a xestionar os seus negocios. “Tamén pensamos que será unha boa maneira de aproveitar as instalacións da Asociación, que aínda que no pasado acolleron numerosos cursos, nos últimos tempos se estaban utilizando moi pouco”, explicou Thor Rodríguez. A entidade conta na súa sede cun taller de cociña completamente equipado, unha aula de cociña/demostración, unha aula de cafetería/restaurante e unha aula de xestión-multimedia.

Pola súa banda, Marta Fernández felicitou a Hostalaría Compostela pola súa iniciativa e destacou a importancia da formación continua no sector hostaleiro. A Xunta seguirá apoiando iniciativas que promovan a capacitación da hostalería. Tanto aquelas desenvolvidas desde as propias asociacións como a través do plan de formación continua promovido por Turismo de Galicia, que este ano ofertou 5.000 prazas de formación ao sector turístico.

Programa e inscricións

As I Xornadas de Formación Hostalaría Compostela arrancarán esta tarde cun taller de elaboración de cafés e continuarán nas vindeiras semanas, ata o 30 de novembro, con diversos cursos e obradoiros sobre normativa sanitaria, corte de xamón, tiraxe de cervexa, cociña creativa, fotografía para redes sociais, cebiche, cociña para alérxenos, sumillería e coctelería. Entre o equipo docente atópanse grandes profesionais como os cociñeiros Jorge Gago e Marta González ou o premiado cortador de xamón José Manuel Míguez.

Aqueles interesados en inscribirse a algún dos cursos, deberán escribir ao correo asociacionempresarios@santiagohosteleria.org ou chamar ao teléfono 981592700.

As datas e horarios dos obradoiros poden consultarse aquí: FORMACIÓN 2021