Este venres, 2 de setembro, comeza o período de inscrición para o XIV Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago que promove Turismo de Santiago e organiza Hostalaría Compostela. 

Os establecementos de hostalaría interesados en participar disporán ata o 20 de setembro para poder inscribirse. Tanto as bases do concurso como a folla de inscrición estarán á súa disposición na páxina web santiagoetapas.gal  

Poderán participar no concurso todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.

‘Toleamos por (é)Tapas’ é o lema desta edición, que adianta uns días o seu inicio con respecto a outros anos co fin de evitar a súa coincidencia coas ceas de Nadal nos locais de hostalaría da cidade. Así, o concurso comezará xa o xoves 27 de outubro, e prolongarase ata o 13 de novembro, celebrando a gala de entrega de premios a finais dese mesmo mes. 

Nas mesmas datas que o XIV Santiago(é)Tapas, celebrarase a terceira edición do Santiago(é)Cóctel, concurso de cócteles que organiza a Asociación Hostalaría Compostela. A cota de inscrición para os locais que queiran participar no certame de cócteles será gratuíta para aqueles que se inscriban tamén no concurso de tapas.