O presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro de Turismo de Santiag, Sindo Guinarte, así como membros da Corporación municipal e representantes das entidades e empresas patrocinadoras, inauguraron o II Santiago(é)Cóctel, que se celebrará do 11 ao 28 de novembro, de xeito paralelo ao XIII Santiago(é)Tapas. O grupo achegouse ata o local gañador do cóctel creativo na primeira edición do concurso, o Pub Atlántico (Rúa da Fonte de San Miguel, 9), para probar as propostas que presenta nesta ocasión.

O II Santiago(é)Cóctel, un evento organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss, ofrecerá durante dúas semanas e media 23 cócteles de 15 locais composteláns.

Os cócteles divídense en dúas modalidades: sen alcohol, cun prezo de 5 euros, e con alcohol, de 6 euros. Premiaranse dous deles, con 500 euros cada un. Ademais, haberá un premio ao Mellor Gin Tonic Royal Bliss Tradicional e o Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, de 600 euros cada un. Os galardóns outorgaranse mediante o voto ponderado dun xurado profesional e do público.

Todos os cócteles participantes pódense consultar tanto na páxina web santiagoetapas.gal como no Tapasporte do XIII Santiago(é)Tapas, á disposición do público nos locais participantes, na Oficina de Turismo de Santiago, na Rúa do Vilar, e na sede de Asociación Hostalaría Compostela, na Rúa Salvadas, 29.

Os locais irán selando os cócteles consumidos no espazo dedicado ao II Santiago(é)Cóctel dentro do Tapasporte. Por cada cinco combinados, recibirase como agasallo a elixir un paraugas ou unha botella da xenebra Áncora de Silleiro, que deberán recoller na Oficina de Turismo de Santiago.