A situación xerada polos efectos da COVID-19, desde o punto de vista económico, conta con todos os indicios dunha grande crise económica. O sector da restauración e a hospedaxe é dos grandes damnificados, tendo un especial importancia por representar unha parte moi importante do noso PIB.

En concreto, en Santiago agudízase máis aínda debido ás características propias da nosa cidade:

  • Grande dependencia do turismo, especialmente do estranxeiro que desde que se iniciou a pandemia está en números de ocupación moi baixos.
  • Dependencia da actividade diaria do funcionamento da Universidade e a Administración, que por ser a capital ten un peso específico grande. Actualmente a porcentaxe de tele-traballo segue a ser elevada, polo que sufrimos unha diminución importante de persoas que diariamente acudían ao seu posto de traballo e que xeraban consumo na cidade.
  • Numerosos locais de hostalaría e hospedaxe que teñen como clientes potenciais oestudantado universitario e de ensino medio de fóra de Santiago, vense gravemente afectados pola combinación de aulas online e presenciais, sobre todo no que á Universidade se refire.
  • Restricións específicas na nosa cidade, que afectan gravemente a aqueles establecementos de restauración que teñen unha dinámica local propia. Restricións que están vixentes desde o 3 de setembro, e que limitan a capacidade a un 50% no interior e un 75% no exterior, non permiten o servizo en barra e impoñen unha agrupación máxima de 10 persoas por mesa ou grupos de mesa e que establecen o peche á 1.00 h.

Compostela é a cidade galega con máis dinamismo: supera amplamente tanto á Coruña como a Vigo en número de prazas hoteleiras; en 2019 quedou no posto 14 dos 50 destinos urbanos do conxunto do Estado; e o emprego directo total en 2019 alcanzou aproximadamente 4000 persoas, catro puntos por encima da media estatal. Por outra parte, é a cidade galega con máis ratio -4,1/1000 hab.- de establecementos hostaleiros por habitante.

En Santiago son numerosos os establecementos que non chegaron a abrir desde a declaración do estado de alarma ou que están a piques de pechar definitivamente, maiormente neste caso os estabelecementos de hospedaxe. Centos de traballadores/as que continúan en ERTE, supoñendo isto unha importante diminución de poder adquisitivo na cidade e que afecta inevitablemente a empresas e sectores intimamente ligadas ao funcionamento da hostalaría (sector primario, distribuidores, provedores…).

O sector séntese criminalizado, tendo que soportar unhas restricións que ao noso entender son desproporcionadas, que se aplican cun criterio xeral sen ter en conta a nosa especificidade da hostalaría na cidade, cunhas dinámicas totalmente distintas de outros negocios de ocio nocturno con límites de capacidade moi superiores e dinámicas de negocio baseadas nunha entrada mínima para seren rendibles.

Os informes do Centro de Coordinación de Alertas de Saúde e Emerxencias do Ministerio de Sanidade, nos que se basea as Instrucións que o Goberno Central transmite ás Comunidade autónomas en 14 de agosto, fundamenta o peche do ocio nocturno por ser un potencial perigo de contaxio descontrolado, en clara referencia a un modelo de establecementos que para nada teñen que ver cos que hai na nosa cidade. Establecementos, os nosos, cun límite de capacidade pequeno de por si e diminuído pola propia norma e que contan incluso con obrigatoriedade de rexistro de clientes, para en caso de que unha persoa infectada puidera ser usuaria ter un control da xente e horas nas que puideron coincidir.

Por outra banda, non consta informe técnico-sanitario algún que circunscriba os incipientes contaxios por Covid-19 coa actividade desenvolvida nos locais de hostalaría. Ao contrario, os abrochos véñense producindo maiormente en reunións familiares e/ou sociais de carácter privado, que non seguen ningún tipo de protocolo en materia de seguridade.

A nosa entidade reclama á Administración a busca dun equilibrio entre a seguridade sanitaria, tanto da clientela como dos equipos de traballo, e o mantemento dos negocios dun sector que ten unha forte incidencia no PIB, como ben mencionamos anteriormente.

Hostalaría Compostela opina que os esforzos deberían centrarse nas medidas preventivas de probas PCR e no labor dos rastrexadores, como máximo garante da contención do virus, e que despois de cinco semanas de restricións na hostalaría non se teñen visto resultados satisfactorios desde o punto de vista sanitario, mais pola contra si se percibe un grave prexuízo económico que en moitos caso imposibilita a apertura dos negocios.

Visto isto, o punto de partida vai ser de mínimos e non se prevé unha recuperación real do sector ata outono de 2021 que, realmente, non se culminaría ata o 2023-2024 segundo os prognósticos, cunha situación similar á que tíñamos o 14 de marzo de 2020.

PROPOSTAS DE MEDIDAS ECONÓMICAS, SOCIAIS E DE DINAMIZACIÓN A ADOPTAR POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN ESTATAL E AUTONÓMICA

  1. Aprazamento de impostos da facenda estatal

Esta medida foi adoptada a moi curto prazo. Non volveu á actividade cun mínimo de normalidade, tal como xa analizabamos en abril de 2020, que permita xerar ingresos suficientes para poder facer fronte ao seu pagamento. Os IRPFs e IVA do 2º trimestre aprazáronse ao mes de outubro de 2020 e a suspensión dos fraccionamentos de 1º trimestre durante o Estado de Alarma renováronse inmediatamente co levantamento deste, sen ter iniciado a actividade a maior parte do sector.

     SOLICITAMOS:

  • Aprazamento dos IRPFs e IVA do 2º, 3º e 4º trimestre a outono de 2021
  • Redución do IVE ata o 7% ao igual que nalgúns países europeos como maneira de incentivar o consumo
  1. Exención e aprazamento das cotas da seguridade social
  • Exención nas cotas de seguridade social e axudas directas aos traballadores autónomos que non poden abrir os seus negocios.
  • Ampliación do límite de aprazamentos sen aval bancario a 60.000 €
  • Aumento de bonificación de cotas como maneira de poder manter como mínimo un 70% dos postos de traballo
  1. Continuación das medidas de mantemento do emprego
  • Mantemento das bonificacións das cotas da Seguridade Social e do 70% do salario, como maneira de non incidir máis na diminución de poder adquisitivo
  • Mantemento parcial dos equipo de persoal afectados polo ERTE en función da capacidade que se autorice nos locais ou das fase en que se vaia permitindo a apertura.
  • Pago subvencionado ao 100% de permisos e excedencias voluntarias para reforzar a conciliación familiar.
  • Axudas a fondo perdido por mantemento de postos de traballo a un ano.
  1. Liñas de crédito ICO

Temos advertido en abril de 2020 de varias cuestións que dificultaban ás empresas o acceso a esta financiación:

  1. Déixase a criterio das entidades crediticias a concesión ou non destas axudas, co que moito se teme -e remitímonos a experiencias anteriores- que estas van poñelas en mans dos seus mellores clientes, que van coincidir coas empresas máis saneadas e mellor situadas no plano económico.
  2. A devolución dos préstamos. Aínda que contan cun ano de carencia na súa amortización, é un prazo moi curto de tempo tendo en conta as previsións de recuperación real do sector, co que poden converterse noutro xeito de adiar o problema e non resolvelo.

Proponse unha ampliación do prazo de devolución e que poida ser revisado en función de como avance a economía.

      SOLICITAMOS:

  • Aumento do prazo de carencia a xaneiro de 2023, data que se pode citar como principio da recuperación segundo todas as análises económicas
  1. Liñas de crédito do IGAPE coa garantía de sociedades de garantía recíproca

Destinadas a aquelas empresas que teñas un balance positivo nos últimos tres exercicios e que, segundo as estimacións, rematen o exercicio actual no mesmo sentido. Vólvese reiterar o criterio de destinar axudas ás empresas mellor situadas deixando ao desamparo as máis vulnerables.

Proponse unha revisión destes criterios, así como a concesión de axudas a fondo perdido ás persoas autónomas, do mesmo xeito que se fai noutras comunidades.

  1. Diálogo aberto e fluído coa Xunta de Galicia

A Asociación Hostalaría Compostela vén reclamando dende hai semanas un diálogo directo coa Xunta de Galicia, que ata o de agora non nos recibiu, decidindo unilateralmente a nosa representación nas reunións que está convocando a Dirección Xeral de Emerxencias, a través do representante da Asociación provincial de Hostalaría de Lugo, cuestión coa que xa mostramos o noso desacordo.

  1. Establecemento dunha folla de ruta por parte do Goberno galego

Solicítase o establecemento dunha folla de ruta consensuada con todo o sector que garanta a volta ao traballo dunha forma paulatina, rápida e segura. É necesario para o consenso a transparencia na información da que se dispón.

  1. Apertura dos estabelecementos de ocio nocturno (pubs, discotecas e salas de concerto)

Eliminación, con carácter inmediato, da orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade que obriga a pechar os locais da noite e establece a 1 da madrugada como horario máximo de feche en todos os locais de hostalaría.

  1. Campañas pedagóxicas e activas de sensibilización de responsabilidade individual

O maior garante das medidas de protección que se decidan é a responsabilidade individual de cada quen, co que o método unicamente inspector non é suficiente. Facemos un chamamento á concienciación da cidadanía mediante campañas específicas.

  1. Campaña de promoción da cidade de Santiago no Estado Español e Portugal como maneira de captar un turismo de proximidade para o Ano Santo do 2021. 

PROPOSTAS DE MEDIDAS ECONÓMICAS, SOCIAIS E DE DINAMIZACIÓN A ADOPTAR POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN MUNICIPAL

  1. Compensación de impostos municipais
  • Ocupación de vía pública (terrazas)

Estudo da posibilidade de devolución masiva do recibo para o 2020 dadas as circunstancias especiais polas que atravesamos.

Devolución con carácter inmediato mediante reclamación obxectiva por parte do interesado, da parte da taxa de 2020 que se corresponde ao período no que, despois do levantamento do Estado de Alarma, os locais de ocio nocturno seguiron con orde de peche, así como o 50 % da taxa emitida por ser este o aproveitamento real neste ano 2020.

Rebaixa do prezo por metro cadrado ao 50% para o ano 2021.

  • Lixo e abastecemento

Supresión, como maneira de axuda directa, destas cotas ata xaneiro de 2022.

  • IBI

Bonificación a aqueles inmobles que son negocios en propiedade ou que a mesma se aviñera a condonacións e reducións dos alugueres, un dos principais problemas nesta etapa.

Tendo en conta que este imposto vén determinado polo valor catastral e que este, ao mesmo tempo, se determina en función de parámetros como o uso do edificio, entendemos que neste momento estaría sobrevalorado. Este imposto significa unha carga para moitas persoas autónomas e empresarias do sector que, ou ben son propietarios do local -moitas con hipotecas en activo- ou alugueiros co IBI repercutido.

  1. Flexibilidade na aplicación da normativa de terrazas e facilidades para o seu uso en inverno

Mentres se manteñan a limitación de capacidade dos locais e as medidas de seguridade que establezan maior separación entre persoas, proponse estudar solucións que flexibilicen a normativa de terrazas para minguar o impacto nunha comisión específica co sector.

  • Horarios

Unificar dous únicos horarios: Xeral – ata a 1.00 h pola semana e ás 2.00 h fin de semana e de Verán – ata as 2.30 h.

  • Elementos de acondicionamento para a tempada outono- inverno

Calefactores

Antucas

Luz

Mamparas ou biombos

  • Ampliación do espazo destinado á ocupación de terrazas

Incluír a posibilidade de utilizar zonas de aparcamento e carga e descarga

  1. Reorganización nos horarios da recollida do lixo

É necesario que este non coincida coas horas de máxima actividade exterior.

  1. Promoción da cidade de cara ao Ano Santo 2021
  • Promoción nas principais cidades do Estado Español e Portugal, así como unha campaña de turismo interno galego para coñecer e desfrutar da Capital do País.
  • Situar a Santiago como destino urbano saudable. Destacar a oferta de valores asociados ao turismo verde e familiar, a un modelo non masificado, tranquilo e seguro. Temos suficiente infraestrutura hostaleira e de hospedaxe no conxunto da cidade para poñer en valor un modelo turístico desas características na nosa cidade e na súa contorna, que reúnen as condicións idóneas. Sería conveniente crear sinerxías cos concellos veciños que poidan reforzar esta idea.
  • Deseño dunha actividade continuada ao longo do período do Nadal. Enfocada a un turismo familiar, con actividade na rúa ao estilo dos mercados de Nadal europeos. É unha época do ano moi solicitada por este tipo de turismo ao pararse a actividade lectiva durante tres semanas e a un cambio de hábitos a respecto de seren unhas festas única e exclusivamente familiares.
  1. Convocar unha liña de axudas directas ao sector para 2021

Similares ás desta edición, cunha maior contía económica. O sector, a pesar de non ter tradición de solicitar axudas, respondeu positivamente á presente convocatoria, facendo unha solicitude moito maior do que ao final se consignou, quedando unha gran parte das solicitudes moi reducidas.

  1. Actividades de dinamización

Retomar de cara a primavera de 2021 o programa de actividades Compostela en Marcha, autoxestionado pola propia Asociación de Hostalaría e co patrocinio privado dos negocios e marcas comerciais. Pechar a colaboración económica do Concello para as actividades que se desenvolveron ao longo de 2020.

Reforzo económico para unha edición especial do Santiago (É) Tapas do Ano Santo 2021, así como doutras actividades xa tradicionais e dinamizadoras do sector como o Banquete de Conxo e a Festa da Uña, ou aquelas que poidan ser de interese para este obxectivo.

  1. Campañas pedagóxicas e activas de sensibilización de responsabilidade individual

Ao igual que á Administración autonómica solicitamos este tipo de campañas activas, neste caso propia, local, desde a administración máis próxima aos cidadáns. Insistimos na idea que o maior garante das medidas de protección que se decidan é a responsabilidade individual de cada quen, co que o método unicamente inspector non é suficiente.

  1. Reactivación do foro MICE

Acción necesaria,  a medio prazo para ir recuperando a nosa posición no Turismo de Congresos-

  1. Creación dunha axuda directa para a Asociación Hostalaría Compostela

A xestión das demandas dos nosos asociados supuxo un esforzo que eles mesmos non poden custear, polo que ao igual que outras asociacións de outros sectores xa recibiron esas axudas (comerciantes, ourives, empresarios do Tambre…), solicitamos tamén unha específica que nos axude con estes incrementos dos custes e os que están por vir, dado que precisamos reforzar o noso equipo de traballo para atender ás cuestións específicas derivadas da pandemia.

  1. Demanda á Xunta de Galicia de medidas específicas para o sector

O goberno municipal, por medio do Alcalde debe asumir como propias as reivindicacións do sector e así instar á Xunta de Galicia a tomar decisións encamiñadas a manter un necesario equilibrio entre a saúde e a economía. Se realmente se chegara á conclusión que as medidas adoptadas o 15 de agosto son necesarias e non desproporcionadas, demandar unha serie de axudas directas ao sector que consigan salvalo da quebra completa, ao igual que se fai con outros sectores económicos da sociedade que poden atravesar por crises similares (automoción, marisqueo e mariñeiros ante catástrofes ambientais ou de imposibilidade de desenvolver a súa actividade con normalidade…).

Santiago de Compostela, a 21 de setembro de 2020

                                                                Xunta directiva da Asociación Empresarial Hostalaría Compostela