Que espazo ocupará a hostalaría e o turismo no seu programa?

O turismo e a hostalería terán un apartado importante no programa electoral porque estamos a falar dun dos motores económicos e sociais da cidade, cuxo efecto multiplicador permite xerar emprego e ingresos indirectos derivados do consumo dos turistas e os excursionistas que nos visitan.

Estamos, ademais, ante un horizonte temporal importantísimo para o turismo na cidade con dous fitos salientables: a celebración do Ano Santo de 20221 e a chegada do AVE. Dúas cuestións que debemos saber aproveitar para consolidar o destino Santiago no panorama turístico nacional e internacional.

Que medidas tomarían para desestacioalizar e para aumentar a estancia media daqueles que nos visitan?

Romper a estacionalización sempre é un obxectivo. En Santiago temos a sorte de contar cun produto turístico como é o Camiño de Santiago que permite alongar a temporada, xa que hoxe en día vemos que os peregrinos chegan a Santiago ao longo dos 12 meses do ano.

Dito isto, considero que a mellor forma de loitar contra a estacionalización turística é dando razóns para viaxar a Santiago en calquera momento do ano. Debemos apoiarmos aqueles segmentos e produtos turísticos nos que somos moi competitivos, como o segmento MICE, a cultura, a gastronomía…. ofrecer unha axenda cultural intensa e estable que se poda paquetizar, xunto a outros recursos dos que dispón a cidade. Saír do eixo Catedral-praza do Obradoiro-Rúas é un obxectivo no que se debe traballar.

Os turistas deben saber que Santiago ten moito que ofrecer e ofrecer moito serve para aumentar esa estancia media, por iso tamén hai que dar a coñecer recursos que moitas veces permanecen ocultos, mesmo para os habitantes da cidade.

Precisamente un dos obxectivos debe ser a confluencia entre a poboación local e o turismo. O turismo debe ser unha oportunidade e non un estorbo, non podemos pensar na cidade para o turista, o turista debe vir a Santiago porque quere vivir a experiencia de ser un máis desta cidade patrimonio mundial.

Que posición teñen con respecto ao Plan Especial da Zona Vella?

O Partido Popular impulsou a revisión do Plan Especial do Casco Histórico no convencemento de que é necesario un novo pulo para rexeneración e rehabilitación do corazón de Santiago. Por iso, no ano 2014 licitou esta revisión e botou a andar os traballos e estudos necesarios para este fin. Lamentablemente 4 anos despois, o Plan Especial está en vía morta pola incapacidade de Compostela Aberta.

Consideramos que é necesario que todos os axentes sociais, económicos e políticos, tanto públicos como privados, acaden un documento de consenso que permita o desenvolvemento sostible do Casco Histórico para que se recupere o parque edificado e se determinen os seus usos, primando a función residencial, porque é a mellor forma de mantelo no tempo.

Un plan que aborde a carencia de servizos básicos e a mellora da prestación dos servizos para que sexa atractivo para a cidadanía, pero que facilite tamén a instalación de negocios e establecementos que contribúan á súa recuperación.

Xunto a ese novo Plan Especial temos que falar do Plan de Xestión, un documento que esixe a UNESCO para todos os bens patrimoniais declarados, como unha folla de ruta na que a cidade debe xestionarse con una actitude adaptativa a longo prazo.

Santiago xa ten experiencia. Non parte de cero. Temos un instrumento envexable: o Consorcio da cidade que leva 4 anos de letargo e inacción ao igual que a Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico…. só falta impulso político e traballo.

Debería instaurarse en Santiago unha taxa turística?

Este debate ten que darse nun contexto global de país. É certo que é unha práctica instaurada en moitas cidades europeas, e ao final vemos que se comporta como un mero instrumento recaudador porque unha taxa turística non serve para atallar os problemas que están diagnosticados ou que poidan xurdir nas cidades máis turísticas.

Todo é posible e todo se pode estudar, pero o que temos claro é que unha medida deste tipo ten que alcanzar un amplo consenso e determinar claramente o fin para o que se establece.

Contemplan accións que axuden a fomentar o consumo nos bares e restaurantes?

A gastronomía está sendo un dos atractivos da cidade polo que cómpre facer un plan específico sobre a gastronomía como recurso principal pero tamén como recurso acompañante doutros produtos turísticos.

A renovación da praza de Abastos deulle un pulo a unha estrutura e a unha zona que ía deteriorándose ata convertela no segundo lugar máis visitado da cidade. Porén a ausencia de modelo de Compostela Aberta para a Nave 5 lastra un proxecto que debería ser singular.

Neste sentido, debe haber un acordo coa asociación de restauración e con comercios especializados en produtos gastronómicos e enogastronómicos para desenvolver unha estratexia de promoción da restauración na cidade.

Nesta estratexia as restauradoras e os restauradores e, particularmente,  os que son punta de lanza, deben de xogar un papel fundamental.

Cal e o Santiago que se imaxina dentro de catro anos?

Dentro de 4 anos Santiago debe ser unha cidade máis sostible e máis solidaria. Unha cidade amable que recuperou o peso político e institucional que debe ter a capital de Galicia, a meta e corazón do Camiño de Santiago que cada ano se asoma ao mundo a través dos milleiros de peregrinos que a visitan.

Santiago debe ser esa cidade que se asoma ao futuro con confianza porque fomos capaces de consolidar un modelo de cidade e un estilo de vida que reforzan a singularidade dunha cidade universal.

Santiago debe ser exemplo dos principais valores que impregnan o Camiño de Santiago: a tolerancia, a solidariedade, a fortaleza, o respecto, para converterse nunha cidade acolledora tanto para os seus veciños e veciñas como para os que nos visitan, nunha completa simbiose.