Membros das asociacións Hostalaría Compostela e Bares, Pubs e Discotecas de Compostela participaron hoxe nunha acción de protesta que se levou a cabo no Camiño Novo de Santiago coa que quixeron evidenciar, unha vez máis, o trato discriminatorio que sofren e que as actuais restricións aos sector son completamente desproporcionadas e non serven para reducir a mobilidade na cidade.

A hostalaría soporta as medidas máis duras –no caso ocio nocturno acumulando xa once meses sen poder traballar- para tratar de conter a pandemia -e a vista dos resultados, sen éxito-, mentres que outros sectores poden seguir traballando en condicións que distan moito das recomendacións feitas polas autoridades sanitarias.

Como exemplo, os hostaleiros manifestáronse hoxe na parada de autobuses do Camiño Novo onde puideron comprobar a cantidade de persoas que ocupan as beirarrúas, sen gardar a distancia de seguridade, e se desprazan nuns autobuses comarcais completamente cheos. “O bar pechado, o bus abarrotado’” foi unha das principais proclamas do sector durante o acto.

Poder traballar

Os hostaleiros reivindicaron o seu dereito a traballar e recordaron que o incremento dos positivos durante as festas de nadal non é responsabilidade do sector. No pasado decembro os bares e restaurantes non acolleron nin festas nin ceas de empresas e sufriron unha diminución dos ingresos dun 80% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Nese período si que  houbo unha mobilidade específica noutros ámbitos, como festas privadas, onde non hai ningún tipo de medidas de seguridade nin hixiene.

Hostalaría Compostela lembra que o sector leva meses reclamando un rescate que permita salvar a pequenas e medianas empresas e, polo tanto, os miles de postos de traballo que dependen delas, pero as súas reclamacións non obtiveron unha resposta satisfactoria nin por parte do Goberno galego nin por parte do Goberno central.

Os hostaleiros continuarán nos próximos días coas mobilizacións para tratar de buscar unha fórmula acordada que permita desenvolver a súa actividade e que trace a medio prazo unha estabilidade no conxunto do sector.