Este venres, 16 de outubro, comeza o prazo de inscrición para a XIII edición do Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, co apoio da Deputación de A Coruña e o patrocinio de Mahou. A día de hoxe está confirmada tamén a colaboración de Coca Cola.

 Ademais, iníciase o prazo de inscrición da segunda edición do concurso de cócteles de Santiago, Santiago(é)Cóctel, patrocinado por Cash Record coa súa marca Áncora de Silleiro, e a primeira do concurso de cafés, Santiago(é)Café, patrocinado por Cafés Candelas; organizados ámbolos dous pola Asociación Hostalaría Compostela.

Poderán participar nestes certames todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago que o desexen, sempre que estean en posesión das licencias oportunas. Deberán rexistrarse para tal fin entre os días 16 e 30 de outubro (ambos incluídos) cubrindo a folla de inscrición que se lles facilitará a través do correo electrónico info@santiagoetapas.com ou do formulario que atoparán na páxina web santiagoetapas.gal

A XIII edición do Santiago(é)Tapas celebrarase do 26 de novembro ao 6 de decembro. Entre todas as tapas participantes seleccionaranse dez finalistas que competirán na final prevista para os días 11, 12 e 13 de decembro.