Esta tarde presentouse en Compostela a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega, que aglutina a hostaleiros de toda Galicia e que ten como promotores principais as asociacións Hostalaría Compostela, HOEMPO (Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín) e ShOStalaría da Coruña. A iniciativa pretende ser un instrumento áxil e eficaz para xestionar o actual momento de crise que atravesa o sector e á que se poden sumar empresas doutros sectores directamente ligadas aos intereses da hostalaría, como produtoras, provedoras ou distribuidoras.

Así mesmo, esta organización servirá de base para a creación dunha Federación de Hostalaría Galega, que aglutine a empresas con actividades económicas que prestan servizos ligados ao aloxamento e ao servizo de comidas e bebidas. O seu obxectivo será a defensa e coordinación dos intereses comúns do sector, en calquera ámbito onde estes estean presentes, incluso no estatal ou internacional.

Os representantes da Plataforma explicaron en rolda de prensa que a crise provocada pola pandemia da Covid-19 deixou en evidencia a fragmentación e debilidade organizativa do sector. “Actualmente, impera un sistema de organizacións cun marcado carácter presidencialista, onde a participación por parte das empresas asociadas é escasa ou nula en moitas ocasións”, subliñaron. Ademais, segundo informaron, as estruturas organizativas operan nas principais cidades, “carecendo delas nunha inmensa parte de vilas que ben puideran aglutinar o conxunto do sector na súa comarca”.

Esta necesidade de organizarse colectivamente a nivel galego é, se cabe, máis urxente na actual circunstancia, onde o sector está ao límite da súa capacidade e ao borde da quebra económica. Especialmente dura é a situación dos hoteis e pensións, negocios con superficie pequena onde a actividade se concentraba na barra ou da hostalaría nocturna, que ten imposibilitada a súa actividade desde hai case un ano.

A plataforma avoga por unha unidade que sirva de representación do sector, ampla e plural, ante as administracións encargadas da xestión desta situación, nomeadamente ante a Xunta de Galicia. “Debemos poñer no centro do debate e actualizar o Plan de Rescate presentado en novembro e esixir que esa sexa a guía de actuación por parte das Administracións”, sinalaron. “As mal chamadas axudas non son a solución ao problema do sector, son un punto máis da nosa proposta. Esta desinformación é conscientemente posta en valor pola Xunta para intentar agochar a nefasta xestión e falta de iniciativa que ten a respecto deste tema”, engadiron. Por iso, instaron, unha vez máis, ao Goberno galego a actuar no marco das súas competencias e liderar, xunto co sector, ante as administracións competentes as medidas do Plan de rescate proposto.

MANIFESTO E ENTIDADES ASINANTES

Has one comment to “A hostalaría galega, unida para ostentar unha representación ampla e plural do sector”

You can leave a reply or Trackback this post.