A Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago non están dispostas a asumir os compromisos aos que chegaron onte coa Xunta os representantes do sector en Galicia. Ambas entidades están intentando chegar a un acordo co Goberno local compostelán para que os locais do ocio nocturno da cidade poidan traballar con licencia de bar e abrir así os seus negocios nos horarios permitidos a estes. “Cremos que a nova normativa que impide a apertura de bares de copas, salas de festas e discotecas e obriga á redución horaria para todos os establecementos de hostalaría é unha medida mediática que non atende a criterios sanitarios. Criminaliza licencias e non actividades”, opinan. 

As dúas asociacións están ademais avaliando posibles accións legais contra esta normativa que discrimina á hostalaría nocturna e que supón un dano moi grave para un sector xa moi castigado. “De seguir así, suporá a perda de centos de empregos e o peche definitivo de decenas de establecementos na nosa cidade”, apuntan. 

O sector advirte ademais que sen unha alternativa de ocio nocturno é moi probable que se multipliquen as xuntanzas en espazos privados onde non hai ningún tipo de medidas de control, como si se están levando a cabo no interior dos locais de hostalaría (control de aforo, distancia de seguridade, uso da máscara…). 

Hostalaría Compostela e Bares, Pubs e Discotecas de Santiago reclaman un equilibrio entre a seguridade sanitaria e a viabilidade económica do sector e fan un chamamento á responsabilidade individual e á realización de probas PCR de xeito indiscriminado como máximo garante da contención do virus.     

 

Foto: Turismo de Santiago