A Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago veñen de presentar no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un recurso contencioso-administrativo contra a Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia de 12 de xullo de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19. 

Ambas entidades solicitan a suspensión inmediata das seguintes medidas: a ocupación máxima de dez persoas por mesa ou agrupacións de mesa, a redución horaria para todos os establecementos de hostalaría á unha da madrugada e o peche dos locais de ocio nocturno (bares de copas, pubs, cafés-espectáculos, salas de festas e discotecas). 

Así o explicaron en rolda de prensa Lois Lopes, en representación da Asociación Hostalaría Compostela; e Sergio Fernández e Lucía Vázquez, directivo e presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago. “Estamos ante unha normativa que criminaliza licencias e non actividades, discrimina ao ocio nocturno e que non atende a criterios sanitarios”, sinalaron.

A demanda baséase nos seguintes puntos: o carácter xeral e intemporal da norma; a vulneración dos dereitos adquiridos polos hostaleiros contidos nas súas correspondentes licenzas, a desproporcionalidade da norma que se adopta cun criterio xeral e non cun asimétrico como o utilizado no Estado de Alarma e defendido en diversas ocasións por Núñez Feijóo. 

Así, se a desescalada asimétrica do Estado de Alarma fíxose tendo en conta a intensidade do desenvolvemento da pandemia nas distintas partes do territorio do Estado, non se comprende que o Goberno galego adopte unha serie de medidas restritivas dunha intensidade similar ou maior ás adoptadas noutras partes do territorio onde o incremento dos casos positivos é inmensamente superior. E todo iso, sen o amparo legal dunha declaración dun estado de alarma. 

Tampouco consta informe técnico-sanitario algún que circunscriba os incipientes contaxios por Covid-19 coa actividade desenvolvida no sector. Ao contrario, os abrochos véñense producindo sistematicamente nas reunións familiares e/ou sociais de carácter privado. 

Tanto Hostalaría Compostela como a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago comparten a necesidade de adoptar medidas que garanticen a sáude de clientes e traballadores, pero non por iso poden aceptar a criminalización do sector ou que se considere á hostalaría galega como a principal responsable do repunte de abrochos do Covid-19 en Galicia.  

As dúas entidades farán traslado deste recurso aos diferentes grupos parlamentarios para que sexan conscientes da situación do sector.