O concurso Santiago(é)Tapas, coorganizado pola Asociación Hostelería Compostela e Turismo de Santiago, chega á súa décima edición con moi boa saúde. Un total de 70 locais da cidade participarán desde o 2 ata o 19 de novembro neste certame que tan boa acollida tivo sempre na cidade.
Son 101 as propostas presentadas este ano ao concurso, todas cun prezo único de 2,50 euros. Nesta décima edición introdúcense dúas novidades que pretenden facer máis sinxela a participación no concurso. Modifícase o Tapasporte, que pasa de ser un libriño a ser un desplegable similar á credencial do Camiño. E amplíase o número de rutas de tapas de cinco a seis, de tal xeito que sexa máis sinxelo rematar unha ruta ao contar con menos locais. Ademais, as rutas noméanse cos diferentes Camiños de Santiago: Camiño Portugués, Camiño Sueste, Camiño Primitivo, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Inglés e Camiño Francés. Deste xeito faise máis patente o vínculo orixinario de Santiago(é)Tapas entre a peregrinación a Santiago e unha peregrinación gastronómica polos locais da cidade.

O Tapasporte pode solicitarse nos establecementos participantes, na Oficina de Turismo de Santiago (Rúa do Vilar, 63) ou na sede da Asociación Hostalería Compostela (Rúa das Salvadas, 29). Todos aqueles que completen polo menos unha das (é)Tapas optarán a un premio. Para elo, deberán presentalo na Oficina de Turismo de luns a venres de 9 a 19 h., sábados, domingos e festivos de 9 a 14 h. e de 16 a 19 h., ata o 19 de novembro. Tamén existe un Tapasporte express para turistas, que poderán lograr o seu premio se obteñen un selo en cada unha das seis (é)Tapas.

O cociñeiro Jorge Gago, do restaurante A Maceta, preparou hoxe en directo na Praza Roxa a tapa gañadora do Premio do xurado da edición de Santiago(e)Tapas 2016, “Xurelo San Simón”. Con esta acción na rúa, no que participou a concelleira de Turismo, Marta Lois, e a vicepresidenta da nosa Asociación, Rita Sobrado, anunciouse o comezo do concurso a partir deste xoves.
Na páxina web do concurso, www.santiagoetapas.com, poden consultarse tanto as rutas, como os locais e tapas participantes; así como os premios que se repartirán.
Por terceira edición consecutiva, Santiago(é)Tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Este ano conta por primeira vez con Mahou como patrocinador principal e co patrocinio xa tradicional de Cash Récord, Coca Cola. Conta tamén coa colaboración institucional da Deputación de A Coruña.